A pouco máis dun mes para que conclúan as obras de saneamento, pluviais, abastecemento e pavimentación da rúa Oliveira, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, admitiu a súa "preocupación" polo efecto que poida ter a 'Operación Patos'. O expediente desta reforma foi un dos que se levou a comisión xudicial das dependencias da Deputación de Pontevedra.
A obra foi adxudicada o 20 de setembro de 2013 á empresa Eiriña por un importe de 115.523 euros.
Luciano Sobral explicou que debido ao mal tempo a construtora necesita dunha prórroga dun mes para rematar as beirarrúas e os traballos de pavimentado.
CAMIÿOS DO CRUCEIRO E DO PIÿEIRO
O alcalde de Poio realizou unha visita xunto ao delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, ás obras que se están a executar para a mellora de dos estradas rurais neste municipio. Trátase de dous camiños rurais xa existentes nos que, grazas a estas obras, iniciadas hai uns días, está a levarse a cabo a mellora do firme que se encontraba moi deteriorado.
No caso do camiño de Cruceiro, estase a traballar sobre 646 metros de lonxitude, pavimentándose un ramal con formigón e o resto con aglomerado en quente.
En relación ao camiño de Piñeiro, que enlaza co anterior, a lonxitude da obra é de 202 metros. Nesta vía a pavimentación estase levando a cabo con aglomerado en quente de cinco centímetros e formigón. Tamén se leva a cabo o fresado parcial para manter a rasante, saneos, barrido, desbroce e limpeza das marxes dos mesmos.
En total, na execución da mellora destes dous viais, invístense 43.179,99 euros, dos cales, 35.678,50 foron subvencionados a través do Plan Marco pola Consellería de Medio Rural e do Mar.