Preocupación pola falta de noticias dos polisóns que pediron asilo en Marín e partiron cara Polonia

Marín
21 de decembro 2017

Perplexidade e preocupación. Son os sentimentos que teñen nestes momentos na Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) en relación coa situación dos dous polisóns. Unha semana despois de irse da dársena pontevedresa, descoñécese o lugar exacto no que están

Buque 'Kristin C' no porto de Marín con dous polisóns a bordo
Buque 'Kristin C' no porto de Marín con dous polisóns a bordo / Mónica Patxot

Perplexidade e preocupación. Son os sentimentos que teñen nestes momentos na Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) en relación coa situación dos dous polisóns que a semana pasada chegaron ao porto de Marín no buque 'Kristin C', pediron asilo político en España e partiron cara a Polonia no mesmo barco. Unha semana despois de marchar da dársena pontevedresa, descoñécese o lugar exacto no que están, por iso é polo que están preocupados polo seu destino e perplexos por esta situación, sen precedentes en España. 

O barco tiña previsto chegar este martes ao porto polaco de Szczecin, pero non o fixo á hora marcada, senón que a previsión era que o fixese de madrugada. En todo caso, CEAR puido saber, a través dos avogados e entidades sociais cos que contactou en Polonia por este asunto, que os polisóns non van a bordo, senón que poderían ter desembarcado nun porto previo en Alemaña. 

Onde están exactamente? CEAR tentou sabelo a través da empresa consignataria do buque, a marinense Ceferino Nogueira, pero non lle facilitaron información. PontevedraViva tampouco logrou na tarde deste mércores ningunha información respecto diso. 

Javier Galparsoro, presidente de CEAR-Euskadi, púxose en contacto por este asunto coa Axencia da ONU dos Refuxiados (ACNUR/ UNHCR) en España e Polonia. A oficina polaca trasladoulles que as autoridades dese país confirmaran que os polisóns xa non estaban a bordo do barco antes de chegar a porto, senón que desembarcaron en Alemaña. Iso si, sen concretar "ni cuándo, ni en qué puerto, ni dónde están ahora mismo".

Galparsoro está a coordinar todas as accións para tentar localizar aos polisóns e que poidan regresar a España e lembra que a Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior admitiu a trámite a solicitude de asilo político formulada polos dous polisóns en Marín, que estaba sen resolver cando o barco partiu cara a Polonia. 

Ante esta situación, considera que a postura da consignataria "es incomprensible e intolerable" e, en xeral, a súa preocupación aumenta a medida que pasan as horas, pois non ten "ningún sinal nin rastro" dos dous demandantes de asilo e, ademais, "nadie informa". A pesar de que lle insisten que os polisóns desembarcaron en Alemaña, "no puede detallar cuál es, día, hora, cómo se ha producido y situación actual de los polizones".

Esa falta de información tamén a confirman os avogados que asistiron aos polisóns en Marín, Clara Rodríguez e Gregorio Cantón. Este último mesmo indicou este mércores que ninguén lle comunicou que a solicitude de asilo político admitiuse a trámite

Desde que tivo constancia deste caso, CEAR cuestiona que as autoridades e os responsables do barco poderían cometer "una grave vulneración de la normativa vigente" ao deixar saír o buque do porto de Marín mentres a solicitude de asilo dos dous mozos, que refiren ser de orixe siria e palestino, seguía sen resolver.  

CEAR sinalou días atrás que a situación non ten precedentes en España, pois as autoridades españolas deberían garantir que, se o buque no que chegaron íase de Marín, os dous mozos quedaba en territorio español á espera de que se resolvese a solicitude de asilo.

Segundo este colectivo, vulnerouse a normativa vixente e aceptada e de aplicación en España para estes casos, a Lei 12/2009, do 30 de outubro, reguladora do dereito de asilo e da protección subsidiaria -artigo 19- e o disposto nas instrucións conxuntas da Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil, da Dirección Xeral de Política Interior e da Dirección Xeral de Inmigración sobre tratamento a polisóns estranxeiros, que datan do 28 de novembro de 2007.  

Este mércores, preocupado pola situaciónm, lembrou que está presentada unha queixa formal por vía telemática ante Defensor do Pobo e que ten constancia de que a queixa está admitida e estase a estudar.