Este mércores os hoteleiros do concello de Vilaboa celebraron unha reunión co fin de tratar a situación na que se atopan tras a proliferación de vivendas de uso turístico que non están declaradas e traballan de forma ilegal.
Os hoteleiros denuncian que moitas destas vivendas nin sequera cumpren coa normativa para ser habitables e carecen de permiso ou rexistro polo que estes empresarios non entenden a postura do goberno local que asegura non ter competencias neste eido.
O BNG de Vilaboa fíxose eco desta polémica e sinala que os pisos de uso turístico, teñen que ter título habilítante municipal de natureza urbanística (comunicación previa eficaz) para funcionar dentro da legalidade, xa que, é un uso terciario de carácter económico, e que a habilitación autonómica non exime de obter outras autorizacións.
O concelleiro do BNG, Carlos Acuña, considera que isto non só é un problema para o sector hoteleiro se non que se traslada nunha problemática para toda a veciñanza por ser Vilaboa "un concello cunha baixa capacidade habitacional e unha alta demanda de pisos en aluguer".
Pola súa banda, o alcalde de Vilaboa, César Poza, anunciou que o Concello solicitará á Xunta que lidere a regulación das vivendas de uso turístico para que as obrigas esixibles sexan as mesmas en todo o territorio autonómico.
César Poza insiste na necesidade de levar a cabo unha inspección de 51 vivendas deste uso dadas de alta en Vilaboa no rexistro da Xunta de Galicia ata o momento.