Preocupación no Gorgullón porque as chuvias volven asolagar as rúas

Pontevedra
18 de outubro 2023

As precipitacións rexistradas durante a tarde deste mércores 18 provocaron novos asolagamentos nesta zona de Pontevedra, segundo denuncian persoas residentes na contorna

Inundación no barrio do Gorgullón / PontevedraViva

As fortes precipitacións provocaron novas inundacións no barrio do Gorgullón, segundo denunciaban veciños da contorna, que seguen vivindo esta desagradable experiencia cada vez que se rexistran temporais con choivas intensas.

A media tarde deste mércores 18 rexistrábanse desbordes na rede de sumidoiros dificultando o acceso dos vehículos aos garaxes dos edificios.

Residentes no Gorgullón esperaban que as obras efectuadas coa reforma, durante os últimos anos, da rúa da Moa, Curtidoira, travesía de Eduardo Pondal, Pedro Sarmiento de Gamboa e á praza de Ponte Boleira ou as últimas executadas nas canalizacións de Eduardo Pondal evitasen esta situación que, pola contra, volve repetirse.

A veciñanza reclama unha maior limpeza e mantemento da rede de sumidoiros por parte da empresa concesionaria do servizo.