A final do mes de xaneiro, se se cumpren as previsións, as emblemáticas Galerías Oliva perderán a súa saída cara á rúa Gutiérrez Mellado. O inicio dos traballos de demolición dos edificios que albergan estes baixos comerciais cegará un dos pasos máis usados polos cidadáns.
"Dixéronnos que pechan o paso o 30 de xaneiro", explica David Neira, presidente da asociación que representa ao medio centenar de comerciantes destas galerías. "Vai ser un golpe moi duro porque por esa entrada úsaa moita xente", engade.
Sostén que ao perder esa entrada, quedando unicamente accesos só pola Rúa Oliva, tres nun tramo de cincuenta metros, "o fluxo de xente vai ser menor".
E, o que é peor, ninguén lles aclara se no futuro, cando se constrúa a promoción inmobiliaria que se proxecta na zona, "haberá ou non algún tipo de paso".
Carlos Mora, responsable de Zapatillería Mora, un dos comercios máis próximos á zona que quedará cortada, coincide en que "é a zona de paso central" das galerías, polo que afirma que "o ideal sería que o deixasen aberto" para non prexudicar aos seus negocios.
Ademais, lamenta que estas galerías, sendo como son un "espazo mítico" de Pontevedra, non contasen cunha maior protección urbanística que impedise esta drástica modificación.
Preguntes a quen preguntes, xa sexan clientes ou comerciantes, ninguén parece conforme coa situación na que, se nada o impide, quedarán as Galerías Oliva desde xaneiro.
"Moitos dos clientes xa non pasarán por aquí e irán por fóra", lamenta Mari Carmen Castrelos, a xerente de Chicha Moda, outro dos negocios afectados.
Tanto é así que, segundo recoñece, "xa hai quen está buscando locais fóra de aquí", aínda que por agora "está a cousa difícil polos prezos que se manexan".
Todos eles confían en que estas galerías poidan sobrevivir e adaptarse á nova situación, ao ter moitos deles unha clientela fiel que sempre repite pola atención personalizada que reciben en todos estes comercios. Só o tempo o dirá.