Preocupación entre os viaxeiros con destino a Bruxelas tras os atentados no aeroporto

Pontevedra
22 de marzo 2016
Actualizado: 23 de marzo

Numerosas persoas contactaron coas súas axencias de viaxes para comprobar se as súas vacacións foran canceladas debido ao atentado da mañá do 22 de marzo

Persoa cunha maleta nas rúas de Pontevedra
Persoa cunha maleta nas rúas de Pontevedra / Mónica Patxot

O atentado que sufriu o aeroporto de Bélxica na mañá do martes 22 de marzo puxo en alerta a moitos viaxeiros que tiñan pensado pasar as súas vacacións na capital europea. Ao coincidir con Semana Santa quixeron saber se as súas vacacións seguían en pé ou se terían que tomar unha ruta alternativa. 

"Non tivemos cancelacións pero si varias chamadas preguntando se os seus voos foran cancelados", explicaba un dos empregados da axencia 365 Días. Tamén engadía que a maioría de persoas que reservaron voos con este destino son parellas en estancias de 4-5 días. Comentaba que nestes casos a seguridade aumenta e probablemente teñan que estar unhas horas antes no aeroporto para o rexistro antes de voar.

En Viaxes Rascado, unha das axencias máis antigas de Pontevedra, tamén recibían algunha chamada preguntando polos voos.

Os voos con destino ao aeroporto de Zaventem foron desviados da súa ruta cara a outros aeroportos próximos, xa que este permanecerá pechado polo momento.

Ás 12.00 horas deste mércores 23 van celebrarse tres concentracións de repulsa por este atentado ante os edificios da Subdelegación do Goberno, da Deputación Provincial e do Concello de Pontevedra. Dende as tres institucións invitan a participar a todos os cidadáns destes actos.