Preocupación en Sanxenxo e O Grove pola chegada de madrileños á súa segunda residencia

O Salnés
13 de marzo 2020

Os que antes eran benvidos son agora vistos con receo polos residentes locais que nalgúns casos non ocultan a súa preocupación por unha actitude que cualifican cando menos de "irresponsable" xa que contradí as recomendacións das autoridades e administracións sobre permanecer en Madrid para evitar a propagación o virus noutras comunidades

Madama de Silgar
Madama de Silgar /

Nos últimos días están a chegar a Sanxenxo e O Grove, entre outras localidades, madrileños que acoden á súa segunda residencia de veraneo escapando do contaxio do coronavirus.

Os que antes eran benvidos son agora vistos con certo receo polos residentes locais que nalgúns casos non ocultan a súa preocupación por unha actitude que cualifican cando menos de "irresponsable" xa que contradí as recomendacións das autoridades e administracións sobre permanecer en Madrid para evitar a propagación o virus noutras comunidades.

Un dos perfís máis repetidos que se poden atopar estes días pola vila turística é o de avós madrileños cos seus netos.

Ese aumento de poboación notouse especialmente nos supermercados onde creceu o consumo ata o punto de deixar sen existencias a algúns establecementos. Capítulo á parte merecen produtos como as máscaras, a auga osixenada, alcol, xeles hidroalcólicos ou termómetros que se compran de maneira compulsiva.

Esta actitude dalgúns levantou as suspicacias de veciños que expresan a súa preocupación con enfado.

Desde o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias pediron aos cidadáns que viven nas rexións máis afectadas que se absteñan de viaxar a outras rexións menos afectadas a fin de evitar o aumento de casos de coronavirus.

A este respecto, María Deza, que estes días exerce de alcaldesa por ausencia de Telmo Martín, solicita aos cidadáns que "non incorran en histerias" porque a alarma que se está xerando "non é boa para ninguén".

A alcaldesa accidental sinalou que o Concello de Sanxenxo, en coordinación coa Xunta de Galicia, adoptou unha serie de medidas para conter a expansión do coronavirus.

Ademais, aínda que recoñeceu que "o medo é libre", pediu "prudencia" á cidadanía de Sanxenxo e instou a que todos sigan as recomendacións das autoridades.

María Deza lembra que Sanxenxo "ten máis xente cando hai bo tempo", pero afirma que "non notamos" un aumento considerable de poboación.

Engadiu que o turismo é o "motor principal" do municipio, polo que censura actitudes que poidan xerar "turismofobia", especialmente ás portas da Semana Santa e do próximo verán que, se remite esta situación, serán claves para o sector.