A veciñanza do barrio de Cantodarea está preocupada polo aumento de vivendas e parcelas abandonadas na zona e que, segundo advirten, provocan problemas de convivencia e saúde. Así llo trasladaron á alcaldesa, María Ramallo, nunha xuntanza.
O goberno municipal asegura ser "consciente" desta situación, pero recoñece que a solución é "complexa" porque se tratan de espazos privados nos que é difícil actuar.
A pesar diso, Ramallo asegurou que intentarán buscar a forma de abordar esta situación.
A asociación de veciños de Cantodarea tamén analizou cos representantes municipais algunhas das actuacións que se levaron a cabo no local social, a antiga escola de música, onde foron reformados os servizos.
Ese é o espazo no que a asociación leva a cabo moitas das súas actividades, pero consideran que o máis oportuno, dada a situación sanitaria, é non recuperar a súa organización ata despois do verán, tendo en conta sempre a evolución da pandemia.
Os veciños tamén trasladaron ao Concello que a festividade de San Xosé Obreiro terá que realizarse de xeito adaptado ás circunstancias, polo que simplemente se realizará algún tipo de acto relixioso reducido.