O proxecto pontevedrés COMTA, un sistema de apoio á toma de decisións médicas nos centros de saúde baseado en intelixencia artifcial, recibiu en Madrid o Premio E-nnova Health 2024.
Foi recoñecido como a mellor proposta de IA e Big Data en saúde nunha gala organizada por Diario Médico e Correo Farmacéutico.
As siglas de COMTA significan "compartir talento" e busca acurtar distancias entre o ámbito hospitalario e a Atención Primaria mediante un asistente para a toma de decisións médicas baseado en IA xenerativa.
Ten como obxectivo proporcionar respostas rápidas, validadas, referenciadas e adaptadas ás necesidades da Atención Primaria pontevedresa, axudando a xestionar a incerteza.
Non busca substituír as interconsultas ou teleconsultas, senón facelas máis dirixidas e informadas, podendo mesmo aumentar o contacto entre especialidades.
O sistema non utiliza datos de pacientes nin información sensible e contempla a mellora das capacidades dixitais dos clínicos, así como a formación no uso ético da IA.
As respostas da ferramenta están en proceso de validación por parte de clínicos de Atención Primaria, Endocrinoloxía e Dixestivo, e a súa usabilidade está a avaliarse nos centros de saúde de Virxe Peregrina e Lérez.
O proxecto está impulsado desde o Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e o seu Grupo de Investigación en Hepatología e EII e conta coa colaboración do Servizo de Endocrinoloxía do CHUP, así como os centros de saúde de Virxe Peregrina e Lérez.
Conta tamén co apoio de dúas sociedades científicas: a Asociación Española de Gastroenterología (AEG) e a Asociación Española para o Estudo do Fígado (AEEH) na xestión de información clínica.
A doutora Raquel Souto, do Servizo de Dixestivo de Pontevedra, e a doutora Coro Sánchez, xefa de Servizo do Centro de Saúde Virxe Peregrina, foron as encargadas de recoller o galardón no Real Teatro do Retiro, en Madrid.