A consulta de ostomías urolóxicas e dixestivas do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) ven de recibir un recoñecemento pola calidade da súa humanización na atención sanitaria.
O galardón, outorgado pola Sociedade Española en Estomaterapia (SEDE), avala o "coidado integral e humanizado" aos pacientes ostomizados, á vez que pondera o "compromiso do equipo asistencial" das consultas de ostomías urolóxicas e dixestivas cunha atención centrada nas persoas "apoiada na empatía, o respecto, a escoita activa e a proximidade emocional".
Esta consulta do CHUP pontevedrés ofrece un "espazo seguro, personalizado e respectuoso", onde os pacientes se senten "comprendidos e acompañados" en todas as etapas do tratamento, desde o preoperatorio ata o seguimento posterior, empregando todas as ferramentas para recuperar a súa calidade de vida
Segundo sinalan as enfermeiras estomaterapeutas do CHUP pontevedrés Cruz Gago e Flor Abilleira "este recoñecemento pola calidade da humanización na atención sanitaria outorgado pola SEDE refrenda as nosas iniciativas de atención ás enfermidades inflamatorias intestinais, que dispoñen nos distritos sanitarios de Pontevedra e de O Salnés dunha estrutura de coidados especializada para os pacientes ostomizados, orientada a achegarlles unha atención de calidade e personalizada".
No que atinxe á formación e especialización do persoal de Enfermaría, estes profesionais teñen prioridade para participar en formacións, congresos e actividades relacionadas coas ostomías dixestivas e incluso especialízanse na abordaxe de estomas respiratorios e urolóxicos, o que lles permite brindar coidados especializados nestas áreas.
Cómpre sinalar que existen arredor de 2.000 pacientes portadores dunha bolsa de ostomía na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e contabilízanse uns 5.000 a nivel autonómico.
Entre as principais causas destacan a neoplasia de recto ou de colon, a enfermidade de Crohn e/ou enfermidades inflamatorias intestinais, os accidentes de tráfico ou as neoplasias de vexiga, entre outras.