O premio recibido en Costa Rica abre as portas á participación de Pontevedra en outros foros iberoamericanos

Pontevedra
14 de abril 2025
Actualizado: 14:46

Tras chegar a Pontevedra, César Mosquera comentou en rolda de prensa que a celebración deste Congreso Internacional ICOUL "desbordou as expectativas que tiñamos"

César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas
César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas / Pablo Ajuria / Brais Porto

O premio "La ciudad es la gente" - Memorial Eusebio Leal Splengler concedido ao modelo urbano de Pontevedra no IV Congreso Internacional de Paisaje Urbano (ICOUL) celebrado a pasada semana en Costa Rica abre as portas á participación da Boa Vila en outros foros iberoamericanos.

Así o sinalou este luns o concelleiro da área de Mellora urbana, César Mosquera que xunto á tenente de alcalde Eva Vilaverde foi o encargado de recoller este prestixioso galardón na cidade de San José.

O premio resalta as mellores prácticas urbanas no ámbito da paisaxe urbana de Pontevedra "posicionada no ámbito internacional como referente en accesibilidade, mobilidade e seguridade viaria o que aliña cos obxectivos do ICOUL que aposta por transformar as cidades como paradigma de desenvolvemento urbano sostible", explicouse durante a entrega do premio.

Tras chegar a Pontevedra, César Mosquera comentou en rolda de prensa que a celebración deste Congreso Internacional ICOUL "desbordou as expectativas que tiñamos".

O edil sinalou que a acollida neste país de América Central foi "absolutamente espectacular". Segundo comentou "o ICOUL é un congreso serio, cun público atentísimo e interesado, e logramos que a intervención sobre Pontevedra fose a máis aplaudida".

 O concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, César Mosquera, ofreceu na tarde do mércores, 9 de abril, a súa conferencia "Pontevedra: unha cidade pensada e deseñada para todas as persoas".

No seu relatorio fixo fincapé no moito que lle custa á sociedade americana implicar á cidadanía co seu municipio ou coa súa cidade, chegando, tal e como lle recoñecían os asistentes e organizadores do congreso, a non saber quen é o seu alcalde, nin tan sequera preocuparlle este feito. Deste xeito, o edil pontevedrés tratou isto como "un fenómeno preocupante que non existe en Pontevedra, pois a cidade conta cunha elevada participación cidadá a todos os niveis".

Outro detalle do que fixo referencia Mosquera foi que na entrega do premio, que recolleu a tenente de alcalde Eva Vilaverde, actuou o grupo Lar Galego que tocaron distintas pezas galegas no acto como a Muiñeira de Chantada o que lle deu un valor especial a este premio, o primeiro desta natureza que recibe Pontevedra en Iberoamérica.

César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas
César Mosquera, concelleiro de InfraestruturasPablo Ajuria / Brais Porto