Premio especial do público para o IES Illa de Arousa na Liga Maker Drone

O Salnés
20 de maio 2022

Esta competición, impulsada pola Fundación Barrié e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) celebrouse na xornada final de exhibición este venres no Coliseum da Coruña. Participaron nesta primeira edición preto de 180 estudantes de terceiro de Educación Secundaria de 18 centros escolares galegos. O reto consistía en deseñar, programar e facer voar un dron para apagar un incendio simulado nun edificio

Dron na final da 1ª Liga Maker Drone
Dron na final da 1ª Liga Maker Drone /

Este venres no Coliseum da Coruña, o IES da Illa de Arousa lograba o premio especial do público na primeira edición da Liga Maker Drone, que promoven a Fundación Barrié e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). 

Con esta competición búscase fomentar a vocación científico e tecnolóxica do estudantado galego. Nesta primeira edición participaron preto de 180 estudantes de terceiro de ESO, pertencentes a 18 centros escolares de toda Galicia. A proba consistía en deseñar, programar e facer voar un dron que axudase na extinción dun incendio simulado nun edificio.

O dron, durante a proba, tiña que ser capaz de recoller auga, transportala e acceder, desde o exterior, á planta dun edificio no que se producía un incendio contribuíndo a apagalo no menor tempo posible. Para participar, cada centro recibiu un dron, formación e orientación por parte da organización desta iniciativa.

A solución gañadora para o xurado foi a presentada polo CPR Santa María del Mar, da Coruña, que incorporou un tanque de auga ao dron ao que estaba conectado un tubo. A través dun mando podían activar e desactivar o fluxo de auga. Utilizaron un láser calibrado para marcar o punto de impacto e unha cámara para regular a distancia do obxectivo. Ademais conectaron o dron a unha mangueira que permitía encher o depósito en caso de necesidade permitindo máis capacidade e menos peso.

Pola súa banda, o IES de Illa da Arousa lograba o premio do público por ofrecer a mellor presentación do seu proxecto durante a gala.