Premio Best in class para Montecelo como o Mellor hospital de Complexidade Alta

Pontevedra
18 de xullo 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou este xoves na entrega dos Premios Best in Class, que con 8 galardóns concedidos, recoñecen a calidade dos servizos, as unidades e os centros sanitarios públicos cos que conta a sanidade galega

Entrega dos premios Best in class
Entrega dos premios Best in class / Consellería de Sanidade

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou este xoves na entrega dos Premios Best in Class, que con 8 galardóns concedidos, recoñecen a calidade dos servizos, as unidades e os centros sanitarios públicos cos que conta a sanidade galega.

O acto celebrouse no Hospital Público de Montecelo, e contou coa participación, entre outros, do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, e do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores.

Promovidos pola publicación Gaceta Médica e a Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da  Universidade Rey Juan Carlos, os Premios Best in Class teñen como obxectivo recoñecer publicamente os mellores centros nacionais de atención primaria e hospitalaria, así como os seus servizos e unidades, na procura da excelencia sanitaria.

No acto de entrega de premios, o conselleiro recolleu o galardón outorgado á Consellería de Sanidade pola súa traxectoria na categoría de Calidade na Atención do Paciente.

Ademais, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi recoñecido como o Mellor hospital de Complexidade Alta e o centro de saúde de Bueu como o mellor Centro de Atención Primaria: Organización Integrada. Estes dous premios foron recollidos polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, en compaña de diversos membros do seu equipo directivo e de persoal sanitario desta área.