O departamento de Imaxe Persoal do IES Frei Martín Sarmiento logrou un premio de innovación concedido pola Consellería de Educación por un proxecto de investigación sobre o asesoramento e venda de produtos e servizos de imaxe persoal para clientes oncolóxicos coa axuda de ferramentas dixitais. No programa, coordinado pola profesora Carmen Feijoo, colaboraron tamén alumnos do IES de Montecelo e de Lamas de Abade.
O proxecto serve para iniciar unha liña de traballo que permite investigar, analizar e ofrecer, a través do márketing dixital, un asesoramento, promoción e venda de produtos e servizos estéticos personalizados.
Os resultados que esperan obter son diversos. En primeiro lugar, servirá para deseñar protocolos para un asesoramento en liña en diferentes especialidades para informar adecuadamente de todos os servizos e produtos que están ao alcance dun cliente oncolóxico.
Informaranlles sobre as propiedades e beneficios de diferentes cosméticos naturais deseñados especificamente para peles que foron sometidas a tratamentos de quimioterapia e radioterapia, tratamentos oncoestéticos, cosmética e técnicas hidrotermais, tratamentos para o cabelo e prótese capilares, automaquillaxe e unha infinidade de atencións en materia de beleza oncolóxica para paliar os efectos secundarios destes tratamentos tan agresivos.
Doutra banda, os investigadores tratarán tamén de conseguir unha liña cosmética oncolóxica buscando os resultados máis adecuados e xogando cos parámetros de textura, rapidez, absorción, aroma e aspecto a través de tests dermatolóxicos para definir os efectos.
Así mesmo, o proxecto servirá tamén para descubrir a eficiencia do márketing dixital personalizado dirixido a estes pacientes tan especiais desde o punto de vista da imaxe persoal. Ademais poderán coñecer tamén a aceptación destes produtos e servizos de imaxe persoal a través da visibilidade medible que ofrecen as redes sociais que creará e xestionará o alumnado.