Premian catro ideas emprendedoras "socialmente útiles" vinculadas co Campus Crea

Pontevedra
19 de xullo 2022

Catro ideas de negocio, vinculada coas áreas de especialización do campus de Pontevedra, foron recoñecidas no marco do concurso Crea Economía Social, que impulsa a Universidade de Vigo e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra

Entrega dos premios do certame Crea Economía Social
Entrega dos premios do certame Crea Economía Social / Xunta de Galicia

Catro ideas de negocio, vinculada coas áreas de especialización do campus de Pontevedra, foron recoñecidas no marco do concurso Crea Economía Social, que impulsa a Universidade de Vigo e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra.

A entrega dos galardóns, que foi na Casa das Campás, contou coa presenza de María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade; Eva María Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra e Jesús Rey, presidente da AJE Pontevedra.

O obxectivo deste certame é promover que tanto os integrantes da comunidade universitaria e os emprendedores apliquen os seus coñecementos e experiencia no desenvolvemento de servizos e produtos que sexan viables economicamente e, á vez, socialmente útiles.

Na categoría de artes, comunicación e creatividade, o premio foi para Reutilización creativa (upcycling), un proxecto dos emprendedores Diana Pernas e Javier Casas, un negocio de comercialización de prendas de roupa e complementos artesanais, sostibles e de comercio xusto.

Na modalidade de educación, innovación social e xestión pública, o premio foi para Susana Portela e Juan José Pousada, que presentaron a proposta dun centro de educación infantil especializado en programas de apoio e reforzo asistido por diferentes animais.

David Hortas foi o gañador na área de deporte, saúde e benestar co su proxecto GymGaming, que aposta pola inclusión de dispositivos de realidade aumentada, moi estendida no ámbito dos videoxogos, na práctica deportiva.

Por último, Marcos Ferro resultou merecedor do recoñecemento á mellor idea de emprendemento na área de medio ambiente e natureza. A súa proposta, Pontevedra Mobility Hub, céntrase na compravenda, alugueiro e reparacións de bicicletas usadas.

Para a selección dos gañadores, o xurado tivo en conta a orixinalidade e o carácter innovador da actividade proposta, así como o seu potencial para converterse nun proxecto empresarial e o seu nivel de desenvolvemento, o seu valor social e as súas vantaxes competitivas no mercado.