Premiado o alumnado do IES Ramón Cabanillas polo documental 'A memoria das aulas'

O Salnés
12 de xaneiro 2024

O alumnado do IES Ramón Cabanillas recibiu este venres o premio internacional eMove polo documental 'A memoria das aulas', que se desenvolveu con motivo do 50 aniversario do centro

Alumnado do IES Ramón Cabanillas
Alumnado do IES Ramón Cabanillas / IES Ramón Cabanillas

O alumnado do IES Ramón Cabanillas recibiu este venres o premio internacional eMove polo documental 'A memoria das aulas', que se desenvolveu con motivo do 50 aniversario do centro.

O xurado, formado por representantes de medios de comunicación estatais, fallou a favor desde vídeo como o máis destacado na categoría do segundo ciclo da ESO, superando así a outras pezas de centros escolares de toda España e doutros países de Hispanoamérica.

Tal como destacou a directora no acto de entrega de diplomas ao alumnado, esta data foi unha oportunidade para coñecer as historias e a información do instituto, así como evolución da educación na comarca. Esta experiencia foi rexistrada polo alumnado de terceiro da ESO en formato audiovisual, creando finalmente a peza colectiva 'A memoria das aulas', que pode verse nesta ligazón.

Ademáis deste documental, no instituto realizaron outros traballos audiovisuais como é o do alumnado de primeiro da ESO, que desenvolveu tamén a curta "50 é unha vida", dentro do mesmo proxecto "Luces, cámara... a falar!", recoñecido cun premio de excelencia á Innovación en Dinamización Lingüística pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A curta, que narra as lembranzas dun mestre xubilado, tamén levou o premio do público na Mostra Internacional de Cine Educativo de Valencia (MICE).

E por se fora pouco, o IES Ramón Cabanillas, en apoio a esta liña de traballo, acaba de ser premiado no IX Concurso de Traballos por Proxectos baixo a coordinación da biblioteca escolar, e seleccionado pola Consellería de Educación para o desenvolvemento do programa audiovisual "Cinema con perspectiva", que permitirá que o alumnado dos primeiros cursos da ESO reciba formación audiovisual da man de profesionais do FIC Bueu.

Grazas a estes programas, tanto alumnado como profesorado pode continuar con accións como a do Día Internacional contra a violencia de xénero, data na que se uniron para facer unha campaña de concienciación nas redes a través dunha curta que denuncia o maltrato.

Finalmente, indican desde o centro que no Plan de Formación de profesorado deste curso están a desenvolver unha formación específica para seguir empregando esta ferramenta para traballar nas aulas co fin de contribuír ao desenvolvemento das competencias creativas, comunicativas e de capacidade organizativa do traballo grupal do alumnado. Para isto coas sesións de formación en gravación e montaxe de profesionais do sector audiovisual.