A deputada socialista Patricia Vilán presentou dúas iniciativas no Parlamento Galego sobre o bloqueo á actividade da Central de Transportes da Reigosa e e da Casa da Quintán, dotacións públicas que no seu momento contaron cun investimento de máis de 4 millóns de euros dos orzamentos da Xunta de Galicia.
As iniciativas, recollen a intención de dúas mocións aprobadas no seu día polo Concello de Ponte Caldelas ao sentirse discriminado por parte do goberno da Xunta, que, segundo sinala o alcalde Andrés Díaz, non inviste no municipio e tampouco pon en marcha as infraestruturas creadas en mandatos anteriores.
O alcalde sinala que o goberno de Núñez Feijóo non contesta as mocións que se lle remiten desde o Concello e por iso espera que, en sede parlamentaria, se expliquen os motivos da política de "agravio constante" cos veciños do municipio.
Díaz afirma que hai media ducia de empresarios esperando que a Xunta aprobe a normativa urbanística para conceder licenzas na Central de Transportes da Reigosa. Neste proxecto investíronse 3,5 millóns de euros en 2005, deseñándose como cinco grandes solares industriais. En 2012 fracasaba o último intento de adxudicación e decidiuse segregar o chan no medio centenar de pequenas parcelas. O proceso atópase parado porque é necesaria a normativa urbanística por parte da Xunta ao tratarse dun espazo que entra no réxime de incidencia supramunicipal.
Tamén lamenta que a Casa da Quintán, un chalé indiano, reformado pola Xunta para usos sociais hai nove anos, se atope pechado e deteriorándose. Investiuse case medio millón de euros na súa reforma no ano 2008. Desde o Concello de Ponte Caldelas reclámase que se abra para darlle uso como centro de día ou calquera outro fin social.