Tres persoas póñense á vez á cola na xanela de atención ao cliente da sucursal de Novagalicia Banco da rúa Augusto González Besada. Levan a camiseta de cor azul que dende hai máis dun ano identifica á plataforma de afectados pola comercialización de preferente e subordinada de Pontevedra e Marín. Dispóñense a sumarse á protesta que este venres, á mesma hora, facían prexudicados por estes produtos tóxicos de toda Galicia. Se é o caso, con menor incidencia que noutras cidades.
Os tres que se poñen á cola dispóñense a retirar 3.000 e 300 euros. Non son todos os aforros que teñen no banco, pero os están a graduar. O día 9 de agosto xa realizaron outro episodio de retirada masiva de fondos e seguirán con este tipo de protesta varias semanas máis, así que non poden baleirar a súa conta o primeiro día. A súa intención non é encher o colchón de billetes, senón "facerse notar, que na caixa recorden que estamos aquí e que se quitamos todos os nosos cartos podemos facerlles dano".
Un dos tres afectados que este venres se sumaron nesta sucursal ten que irse coas mans baleiras. Esqueceuse o DNI na casa e sen el non pode facer ningún movemento na súa conta, pero os seus compañeiros si o logran, ao igual que varios prexudicados na oficina da praza de San José a escasos metros, con retiradas que estiveron entre os 4.000 e os 1.000 euros.
Este venres foron poucos, tiveron un pequeno problema interno á hora de citar a toda a plataforma para acudir á protesta, pero, de todos os xeitos, suficientes para facerse oír. Mentres algúns retiran fondos dentro das oficinas, unha vintena de compañeiros espéranos fóra, con dúas pancartas despregadas e bucinas e todo tipo de obxectos ruidosos para "que non pasemos desapercibidos".
"Mans arriba, isto é un atraco", é a consigna que máis repiten. Acompáñaos co altofalante José Luis Garcia Portela, que aproveita para anunciar que o domingo 25, con motivo da saída da segunda etapa de La Vuelta Ciclista a España dende Pontevedra, se manifestarán na praza de España. "Será algo pacífico, só para que nos vexan, para que recorden que seguimos aquí e que moitos aforradores aínda non recuperaron os seus cartos, os que nos estafaron".