Todos os afectados pola comercialización de participacións preferentes e obrigas subordinadas de Novagalicia Banco de Pontevedra e Marín recuperaron o diñeiro que tiñan atrapado e na bisbarra do Salnés faltan tres por facelo. O logro supón que os máis de 300 integrantes da plataforma de Pontevedra-Marín recuperaron de 9 a 10 millóns de euros e os ao redor de 250 prexudicados do Salnés, entre 8 e 9 millóns. Nesta última plataforma quedan tres afectados pendentes de resolucións xudiciais.
Os datos achegáronos este xoves os voceiros de ambas as dúas plataformas de afectados durante un acto no que escenificaron o fin da súa loita na rúa, unha mobilización cidadá coa que levaban máis de dous anos co fin de recuperar os seus aforros. Logrado este primeiro obxectivo do colectivo, agora empezan unha nova etapa: conseguir que os responsables de que o seu diñeiro se vise retido paguen por iso.
O voceiro dos afectados pontevedreses, Daniel Rabuñal, anunciou que a plataforma de Pontevedra e Marín xa se constituíu como asociación e, como tal, se sumarán a todas as demandas que se presenten ante a Audiencia Nacional contra os "responsables de esta estafa".
A plataforma do Salnés non está constituída legalmente como asociación, pero tamén quere seguir con esa liña de demandas xudiciais, de aí que se sumarán ás accións que emprenda a plataforma de Marín-Pontevedra. Ademais de sumarse como acusación particular ás demandas xa presentadas, non descartan presentar algunha por si mesmos.
"Dejamos los bancos y nos centramos en los banquillos", resumen o voceiro dos afectados de Marín, José Luis García Portela, en alusión a que deixarán de verse as imaxes de preferentistas que desafiaban ao sol, a chuvia, o vento ou o frío para protestar diante das sedes bancarias para reclamar a recuperación de todo o seu diñeiro.
Nesta nova etapa centraranse tamén en reclamar que se retiren as sancións impostas a afectados pola súa participación en distinto tipo de profestas. En toda Galicia se impuxeron sancións por un total de 20.000 euros, das que ningunha afecta aos membros de Marín e Pontevedra. Si hai un preferentista do Salnés con dúas multas agora recorridas.
Os voceiros das plataformas escenificaron o fin da loita en rúa cunha rolda de prensa na que estiveron apoiados por unha representación dos afectados que quixeron representar coa imaxe simbólica dos seus altofalantes e bucinas apoiados sobre a mesa, sen uso. Deixarán de forma parte do seu día a día, pero téñenos moi presentes porque son o recordo do camiño que seguiron nos últimos anos e que "non foi fácil" e chegou a "afectar seriamente á saúde de moitos afectados".