Prazo aberto para optar aos premios do concurso 'Crea economía social' con ideas de negocio

Pontevedra
28 de setembro 2021

O Campus Crea da Universidade de Vigo e AJE-Pontevedra premiarán as mellores ideas de negocio baseadas en principios de economía social do estudantado, Persoal Docente e Investigador (PDI) e Persoal de Administración e Servizos (PAS) do campus pontevedrés

Concurso Crea Economía Social 2021
Concurso Crea Economía Social 2021 / AJE-Pontevedra e Campus Crea

O Campus Crea da Universidade de Vigo e AJE-Pontevedra poñen en marcha o concurso 'Crea economía social' para premiar as mellores ideas de negocio baseadas en principios de economía social que elaboren integrantes do estudantado, Persoal Docente e Investigador (PDI) e Persoal de Administración e Servizos (PAS) do campus pontevedrés. 

Búscanse proxectos que desenvolvan servizos ou produtos que sexan viables economicamente e, ao mesmo tempo,  útlies. O prazo para presentar propostas finaliza o 13 de outubro. A convocatoria establece catro categorías: mellor idea de negocio en artes, comunicación e creatividade; a mellor en educación, innovación social e xestión pública; a máis destacada en deporte, saúde e benestar; e por último, a proposta máis notable en temas de medio ambiente e natureza.

As persoas participantes deberán entregar o formulario da páxina web do concurso www.creaeconomiasocial.com no correo electrónico [email protected]. Tamén poden presentar un vídeo que non supere o minuto de duración coa descrición da idea de negocio, a necesidade que cobre, o produto ou servizo que comercializa e toda a información que considere necesaria para presentar o proxecto.

Aquelas persoas interesadas en participar contarán cun servizo de apoio que lles axude a resolver as súas dúbidas antes de presentar a candidatura. Este asesoramento pode solicitarse a través do correo [email protected] ofrecendo os datos de contacto.

Concederase un premio de 250 euros en cada unha das categorías destinado á persoa ou grupo de persoas integrantes do proxecto.