A Praza das Regas, en Valdecorvos, próxima parada da posta a punto de parques infantís

Pontevedra
29 de novembro 2024
Actualizado: 14:31

Así o deu a coñecer este venres o concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, no marco dunha visita ao renovado parque infantil da Illa do Covo

Visita de Xaquín Moreda ao parque infantil da Illa do Covo
Visita de Xaquín Moreda ao parque infantil da Illa do Covo / Concello de Pontevedra

O proceso de mellora de todos os parques infantís de Pontevedra que ten en marcha o Concello terá a súa próxima parada na Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos, onde se fará un investimento de 145.000 euros

Así o deu a coñecer este venres o concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, no marco dunha visita ao renovado parque infantil da Illa do Covo

Moreda explicou que  neste parque non só haberá actuacións de conservación e mantemento, senón tamén ampliación. Vaise mellorar a área de xogos e tamén se acometerá unha mellora ambiental da zona, que consiste en pechar unha área de actuación de 650 metros cadrados onde vai o parque e aumentar os xogos actuais. 

A actuación sairá a licitación nos próximos días e as empresas que se presenten serás as encargadas de propoñer que xogos se van instalar, sempre "tendo que cumprir unha serie de requisitos", que pasan por xogos adaptados e condicións de accesibilidade. Ademais, vanse instalar mesas con bancos e tres bancos independentes. 

Unha vez contratada a actuación, a mellora do parque e da contorna terá un prazo de execución de dous meses.

O concelleiro visitou a Illa do Covo e indicou que, con este, xa remataron a mellora de sete parques de xogo dentro dese proxecto de diagnose e mellora destas zonas de lecer. Ademais do estado da situación actual, dentro desta actuación tamén se está a analizar como adaptar os parques á normativa de seguridad para os nenos

A da Illa do Covo é, en opinión de Moreda, "a intervención máis vistosa", porque é un parque moi utilizado e ten peculiaridades como a súa fabricación en madeira con pezas feitas para esta zona.

A actuación supuxo un investimento de 46.646 euros e "xa queda certificado para cumprir as normativas de seguridade"

Acometeuse unha mellora integral, con reparación do pavimento, reposición de grava e xabre, reposición das travesas de contención dos pavimentos, restauración e pintado dos elementos de xogo e restauración do mobiliario.