O Mercado de Abastos de Pontevedra ten unha nova e única asociación de praceiras

Pontevedra
05 de decembro 2024
Actualizado: 12:56

Na Asociación de concesionarios e concesionarias do Mercado de Pontevedra "tenemos casi al 99%" dos vendedores segundo sinala a súa presidenta Begoña Laya

Begoña Laya e Anabel Gulías
Begoña Laya e Anabel Gulías / Pontevedra Viva

O colectivo de vendedores da Praza de Abastos de Pontevedra agrupouse nunha nova e única asociación. Semella que rematou a división entre o colectivo de praceiras do Mercado que deu pé a distintas representacións agora disoltas como foron a Asociación del Mercado de Abastos de Pontevedra (Amapo) ou a Asociación de Usuarios de la Plaza de Abastos (AUPA).

Na Asociación de concesionarios e concesionarias do Mercado de Pontevedra "temos case ao 99%" dos vendedores segundo sinala a súa presidenta Begoña Laya. "É unha asociación bastante completa, pero temos as portas abertas" para que se sigan sumando vendedores, engade.

A que fora concelleira do Partido Popular, Begoña Laya preside a nova directiva que xa leva algún tempo facendo xestións co Concello para demandar algunhas melloras.

Sobre estas reclamacións a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, sinalou que  "algunhas avanzan a un ritmo bo, outras seguen reivindicando e pedindo, como corresponde, ao seu papel".

Nisto tamén coincidiu Begoña Laya, "hai cousas que van moito máis rápidas e outras que van con moitísima lentitude" en todo caso apunta que "sabemos como é a administración, pero hai boa fe".

Entre as cuestións que demandan está o impulso á planta baixa do Mercado, a solución dalgúns problemas de infraestruturas, ou a dotación dunha cámara de xeo. "Imos dar un voto de confianza á concelleira", sinalou a presidenta da nova asociación.

Unha das súas primeiras iniciativas da man do Concello de Pontevedra é a campaña para dinamizar o Mercado: "Vén mercar á praza de abastos!", presentada este xoves por Anabel Gulías e Begoña Laya.

Actividade no Mercado de Pontevedra
Actividade no Mercado de Pontevedra    Pontevedra Viva

"Para nós é importantísimo poñer en valor este equipamento" dixo Anabel Gulías, quen cualificou de "activo fundamental" para a economía local e referencia para adquirir produto fresco.

"Fixemos unha campaña ambiciosa". Vaise mandar un folleto publicitario "a todos os fogares de Pontevedra" no que explican que "é necesario un compromiso de todas nós para seguir revitalizando a praza" e que "é necesario que se produza un relevo xeracional ao perfil da xente que compra na praza de abastos".

Unha terceira idea na que incide esta campaña é que "cando se compra na Praza de Abastos estamos favorecendo a unha parte moi importante da economía galega: o sector primario".

Ademais desta campaña, o Concello ten en marcha un programa para Nadal específico do Mercado, moi enfocado ao público familiar, con citas destacadas coma as badaladas infantís de Fin de Ano, obradoiros do Ganapán ou o concerto de Tony Lomba.

A nova Asociación de Praceiras tamén ten en marcha unha rifa. Pola compra de calquera produto da praza regálase un boleto para participar nun sorteo que ten como premio unha fin de semana nun balneario para dúas persoas.