Praias, estradas e aparcadoiros case desérticos na Lanzada malia a subida de temperaturas

O Salnés
20 de maio 2020

A cidadanía de Sanxenxo e O Grove manteñen unha actitude exemplar durante o estado de alarma e este martes, cando as temperaturas superaban os 25 graos, a penas se rexistraba actividade na contorna da Lanzada

Xornada de calor e case sen actividade na Lanzada
Xornada de calor e case sen actividade na Lanzada / PontevedraViva

19 de maio e o sol comeza a apertar nas Rías Baixas. Os termómetros marcan temperaturas por encima dos 25 graos. Fai calor e, cando outro ano calquera ofrecese unha imaxe de bañistas ou de numerosos paseantes polos areais e a contorna do istmo que une Sanxenxo co Grove, neste 2020 a fotografía é moi diferente.

Case non hai circulación pola estrada PO-308, nin se encontran vehículos nos aparcadoiros da Lanzada e poucas persoas se ven pola praia realizando paseos. A actitude dos residentes nos municipios de Sanxenxo e O Grove resulta modélica fronte este estado de alarma. A Policía Local e axentes da Garda Civil tamén realizan controis pola zona para comprobar o comportamento dos protocolos por parte dos paseantes.

Segundo o servizo de Meteogalicia, as temperaturas continuarán sobre estes valores, entre os 9 e os 26 graos durante os próximos días. Este mércores entrará unha masa de aire máis húmida á zona atlántica con ventos frouxos do oeste.

Ao longo do xoves 21, as Rías Baixas continuarán con altas presións lixeiramente retiradas cara ao sur, con chegada de humidade. Os ceos manteranse pouco nubrados e as nubes que se presenten serán de tipo medio e alto.

O venres está prevista a chegada a Galicia dos restos dunha fronte polo noroeste que deixará nubes en toda a provincia de Pontevedra, con temperaturas entre 10 e 23 graos. Xa o sábado irase reforzando a influencia anticiclónica sobre a comunidade. Os ceos presentarán nubes de tipo alto e o vento soprará de norte.

A partir do domingo 24 reforzaranse as altas presións e o tempo será seco e con temperaturas altas para esta época do ano chegando aos 27 graos.