A reanimación cardiopulmonar (RCP) é unha técnica para salvar vidas que é útil en moitas situacións de emerxencias, como un ataque cardíaco ou un afogamento, nas que a respiración ou os latexos do corazón dunha persoa se detiveron.
Actuar desde o primeiro minuto en que se detectan os síntomas aumenta as probabilidades de supervivencia.
"A parada cardíaca é unha patoloxía tempo-dependente, por cada minuto que non se lle faga nada ao paciente a probabilidade de supervivencia é dun 10% menos", indica Alberto Currás, técnico de emerxencias sanitarias que está a realizar cos seus compañeiros Alfredo Castro e Jesús Piñeiro un estudo sobre o nivel de coñecemento do "persoal lego" (persoas sen formación sanitaria) nas manobras de reanimación cardiopulmonar.
Durante a xornada deste xoves 24 estarán na praza da Peregrina, polo que calquera persoa interesada pode achegarse ata este punto do centro de Pontevedra e participar. Unha oportunidade para comprobar se, en caso de atoparnos cunha persoa en parada cardíaca, saberiamos actuar correctamente e, ademais, recibir unhas pautas para realizar unha RCP con éxito.
Alfredo Castro explica a sinxela dinámica deste estudo, que comeza cunha breve enquisa. A continuación, dinlle á persoa que durante un minuto lle faga a un manequín "o que crea que é conveniente coma se fose unha persoa real" en parada cardíaca. "Despois nós collemos os parámetros que nos dá o manequín e dámoslle á persoa unha pílula formativa de entre 3 a 5 minutos, volve facer un minuto de RCP e vemos a porcentaxe de variación entre a primeira RCP e a segunda".
Con este estudo queren comprobar a "variación entre a RCP sen pílula formativa e con pílula formativa" e deste xeito "ver que a RCP se pode ensinar moito máis sinxelo, que se cadra con máis práctica e menos horas lectivas a poboación en xeral aprendería moito mellor". As conclusións vanas presentar no Congreso Nacional de RCP que se celebrará en novembro en Salamanca.
O seu obxectivo é completar unha mostra de 250 persoas, da que levan aproximadamente a metade. Para iso estiveron en Caldas de Reis, Marín e, tamén en días pasados, en Pontevedra.
Neste momento do estudo, a impresión destes técnicos de emerxencias sanitarias é que "estamos a ver cambios moi significativos" entre a primeira e a segunda RCP. "Por exemplo, tivemos hoxe unha moza que fixo un 1% e acabou coa pílula informativa facendo o 100% de probabilidade de supervivencia sobre ese paciente que se atopou, é un cambio moi significativo". Mesmo en persoas que xa sabían facer unha RCP, tras a formación de 3 a 5 minutos, mellóranse os parámetros que indican a probabilidade de supervivencia.
"Cando nós facemos as compresións torácicas, facemos ese bombeo artificial que normalmente tería que estar a facer o noso corazón", apunta Alfredo Castro. Por iso insiste en que "é importante que a xente saiba que a peor RCP é a que non se fai".
Estes técnicos en emerxencias sanitarias inciden neste punto lembrando que na área de Pontevedra hai só catro ambulancias: dúas de soporte vital básico, unha medicalizada e unha de soporte vital avanzado, coas que se abarcan nove concellos da provincia. "Que haxa unha parada cardíaca mesmo na Lama, o primeiro recurso que poida chegar vai tardar como mínimo 25 ou 30 minutos xa apurando un pouquiño, entón si que é moi importante que a poboación xeral saiba facer a RCP porque cada minuto na RCP conta".