Practicar deporte non ten límites

Pontevedra
28 de xuño 2014

A asociación Amizade realizou unha exhibición de bicicletas adaptadas (handbike) para as persoas que sofren unha discapacidade coa intención de concienciar das dificultades que se encontran por costes e falta de espazos axeitados para a práctica do deporte

Amizade realiza unha xornada de bicicletas adaptadas
Amizade realiza unha xornada de bicicletas adaptadas / Diego Torrado

A asociación Amizade desenvolveu unha xornada na Alameda de Pontevedra para probar handbikes, bicicletas adaptadas, coa intención de sensibilizar á sociedade pontevedresa das dificultades ás que se enfronta unha persoa con discapacidade á hora de practicar un deporte.

Segundo afirman dende esta asociación, os problemas derivados dos altos custos e da falta de espazos axeitados para estas persoas levan consigo que para moitos dos membros deste colectivo resulte complicada a integración, dende un punto de vista deportivo. Dende Amizade afirman que moitas das instalacións deportivas en Pontevedra non son accesibles.

Para o desenvolvemento das actividades durante este sábado, tanto de mañá coma de tarde, o colectivo que preside Paulo Fontán solicitou tres handbikes á fundación María José Jove que conta cun servizo de préstamos destas bicicletas na Coruña.