O grupo municipal do Partido Popular insta ao Concello de Pontevedra a iniciar os trámites para modificar o Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística (Peprica) co obxectivo de "cambiar a estratexia do BNG de dividir pola de convivir no centro histórico".
O PP propón que se cree unha comisión técnica e independente para iniciar os trámites necesarios para a modificación do Peprica.
Os populares trasladaron o seu apoio "aos empresarios que se viron abocados ao peche dos seus negocios" e que, durante os últimos días, lamentaron publicamente a "persecución" do Concello de Pontevedra cara ao sector da hostalaría e lecer nocturno.
O portavoz local do PP, Rafa Domínguez, lembrou que a súa formación política conseguiu aprobar unha moción, no pleno de abril de 2024, pedindo a reforma do Peprica.
Rafa Domínguez tamén cuestionou as declaracións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nas que se mostraba a favor de "solucionar problemas pero sen saltar a normativa".
O alcalde dixo que os locais de lecer nocturno que pechan "é porque non cumpren a normativa" e que "cando se pechan os locais do centro histórico é porque esas deficiencias non se corrixiron" e subliñou que se a obra "é legal e encaixa na normativa non hai inconveniente en facela"
Lores tamén sinalou que no goberno municipal "estamos preocupados pola seguridade. Se ocorre algún accidente é porque as cousas non estaban ben", insistiu o alcalde.
Para Rafa Domínguez "o primeiro que deberían facer" os responsables do goberno municipal, "con carácter urxente", é "sentar a dialogar cos afectados polos peches de locais no centro histórico".
Tamén sinalou como principais interlocutores neste tema ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o Centro Comercial Urbano Zona Monumental e as asociacións de veciños da casco vello "para buscar unha solución definitiva que naza do consenso", afirmou.
Domínguez criticou o "inmovilismo e falta de perspectiva urbanística" do Concello de Pontevedra que durante os últimos mandatos realizou modificacións puntuais do plan para "favorecer os seus propios intereses", como a rehabilitación de edificios históricos.
Por tanto, insiste o portavoz popular, en que "hai precedentes que demostran que o Peprica é susceptible de cambios" polo que aposta por unha "revisión rigorosa" para "adaptar o plan ás demandas actuais".
"Lores optou pola vía do enfrontamento e estase equivocando porque o importante agora, unha vez que deixou pasar un ano en balde, é atopar o punto exacto de equilibrio que permita o desenvolvemento económico e social do centro histórico xunto á protección do patrimonio histórico, para que Pontevedra prospere mantendo a súa esencia", destacou.