O PP rompe negociacións co BNG para os orzamentos municipais de 2025

Pontevedra
18 de decembro 2024

Rafa Domínguez recoñece que houbo un "diálogo sincero polas dúas partes", pero sinala que as negociacións "non chegaron a bo porto". Non se pecha a apoiar modificacións de crédito "puntuais"

Rafa Domínguez, líder do PP
Rafa Domínguez, líder do PP /

O Partido Popular dá por rotas as negociacións que mantivo nas últimas semanas co BNG para a aprobación dos orzamentos municipais de 2025 en Pontevedra.

O portavoz do PP, Rafa Domínguez, deu a coñecer esta postura este mércores, tras comunicarlla ao grupo de goberno do BNG, aínda que quixo matizar que aínda que as negociacións "non chegaron a bo porto", si que houbo un "diálogo sincero polas dúas partes".

Domínguez asegura que o PP non puxo liñas vermellas na negociación, senón que "as liñas vermellas, neste caso, ponas Lores". Eles decidiron apartarse das negociacións ao comprobar que o dez "puntos claros" que levaban á negociación non tiñan cabida nos orzamentos deseñados polos nacionalistas.

Domínguez quixo agradecer "o bo clima de negociación " e que as conversacións "foron en todo momento moi cordiais" co concelleiro de Facenda, Raimundo González, co que mantiveron dous encontros formais e intercambio de correos electrónicos.

O PP realizou dez peticións e entende que "o modelo de cidade que nós esperamos que estea plasmado nuns orzamentos da cidade non vai estar como nós queremos", por iso é polo que se optasen por romper as negociacións.

En todo caso, Domínguez recoñece que calquera dese dez puntos o goberno local pode levalos a unha modificación de crédito e ábrese a aprobar modificacións de crédito "puntuais". En canto aos orzamentos, presentará unha enmieda á totalidade.

O líder do PP sinala que agora ao BNG tocaralle "negociar co seu socio prioritario que é o Partido Socialista".

Dá por feito que o líder do PSOE, Iván Puentes, cederá coa apertura da avenida Raíña Vitoria ("non teñen intención de abrir Raíña Vitoria, díxoo só nas eleccións", opina Domínguez"), pero confía en que "non deixe na estacada aos feirantes e aos traballadores municipais".

Precisamente, a apertura de Raíña Vitoria e a demanda dos feirantes de trasladar o mercado ambulante á Alameda son tamén dúas dos puntos que levaba á negociación o PP e nos que non chegaron a acordo co BNG.

Outras demandas do PP que consideran que non tiveron resposta na negociación foron reclamar 500.000 euros para servizos sociais; 400.000 euros para contratar policias locais e bombeiros; 150.000 euros para reordenación de tráfico, creación de aparcadoiros disuasorios e apertura de Raíña Vitoria; ou 200.000 euros para os clubs deportivos.

Reclababan tamén "diálogo sincero" cos traballadores do Concello, mellora na limpeza da cidade, redución impositiva nuns 400.000 euros en calquera das taxas do Concello; ou melloras nas parroquias e barrios.