O PP reclama a posta en valor do xacemento arqueolóxico da ponte do Burgo

Pontevedra
12 de marzo 2025

Os populares presentan unha moción para preservar e musealizar este enclave histórico na praza de Valentín García Escudero

Iago Acuña e Rafa Domínguez
Iago Acuña e Rafa Domínguez / Pontevedra Viva

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polo concelleiro do PP local Iago Acuña, presentou na praza de Valentín García Escudero a súa proposta para impulsar a recuperación, posta en valor e musealización do xacemento arqueolóxico da ponte do Burgo.

Os populares denuncian o "abandono" deste espazo por parte do goberno local e demandan unha "actuación integral" para mellorar a súa conservación e impulsar a súa divulgación.

No próximo pleno municipal o PP defenderá unha moción coa que busca a preservación dos restos arqueolóxicos "garantindo a súa conservación para as futuras xeracións", musealizar o xacemento "para que veciños e visitantes poidan comprender a súa importancia histórica" e realizar unha reforma estética "que dignifique o espazo, mellore a iluminación e o converta nun referente do patrimonio arqueolóxico de Pontevedra".

Neste xacemento acháronse vestixios da época romana, como os miliarios dedicados aos emperadores Adriano e Maximino Daya, así como elementos medievais como restos dos arcos da ponte do século XII, o dique portuario do século XV, fragmentos da muralla moderna do século XVI ou os restos do primeiro mercado de abastos da cidade.

Yacimiento de Valentín García Escudero
Xacemento de Valentín García Escudero Pontevedra Viva

Rafa Domínguez lamentou que, desde o inicio das escavacións de 2006, "as sucesivas promesas de recuperación quedaron en papel mollado".

Segundo citou o portavoz do PP local, entre os "anuncios incumpridos", o Concello convocou un concurso de ideas en 2008 para construír un Centro de Interpretación, cun orzamento de tres millóns "que non se fixo, tras descartar previamente un Museo da Historia da cidade, por 10 millóns, que tampouco levou a cabo".

"En 2013, en lugar de protexer o xacemento, o goberno do BNG decidiu soterrar máis do 40% da escavación", continuou Domínguez, "e en 2017, a única actuación foi a instalación de catro ventás e unha leve mellora da iluminación, claramente insuficiente para o Partido Popular". Finalmente, "en 2023, tras anos de abandono, limitáronse a colocar catro paneis informativos de vinilo", sinalou o portavoz do PP.

O PP sostén que a situación actual do xacemento é "inaceptable" porque "non cumpre cos requisitos de preservación histórica nin os estándar estéticos mínimos".

"Non é a imaxe que queremos trasladar aos peregrinos que chegan da ponte do Burgo, un enclave fundamental do Camiño de Santiago e do centro histórico da cidade", concluíu Domínguez.