O PP acusa ao PSOE de "facer o ridículo" atribuíndolle ao Goberno un investimento en Valdecorvos

Pontevedra
29 de outubro 2024

Segundo sinala o PP, estas vivendas públicas foron licitadas pola Xunta por un importe total de 14,2 millóns de euros dos que 10’4 foron do goberno galego e 3,7 de fondos que Europa concedeu a España

Visita da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o alcalde a Valdecorvos
Visita da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, e o alcalde a Valdecorvos /

O Partido Popular de Pontevedra esixe ao secretario de Economía e Emprego do PSdeG-PSOE, Abel Losada, unha rectificación despois de atribuírse un investimento de 3,7 millóns de euros para a construción de 74 vivendas públicas en Valdecorvos.

Segundo sinala o PP, estas vivendas foron licitadas pola Xunta de Galicia por un importe total de 14’2 millóns de euros dos que 10’4 foron do goberno galego e 3’7 millóns de fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que a Unión Europea concedeu a España

O portavoz local do PP, Rafa Domínguez, indicou que "a aportación económica do Goberno de España nesa actuación é do 0%, por tanto, pídolle ao PSOE que deixe de facer o ridículo, como sucedeu coas obras do Novo Montecelo ou co Pontevedra Flúe".

Rafa Domínguez dille aos socialistas que, "se queren sacarse fotos con grandes inversións, lle pidan a Pedro Sánchez que faga algunha na cidade".

O PP local considera que, no caso concreto da parcela de Valdecorvos en execución, "é especialmente sangrante que o PSOE vaia facerse alí unha foto co beneplácito da Delegación do Goberno, sacando peito dun investimento de 3’7 millóns de euros, que representa o 26% do investimento procedente de fondos europeos, cando a Xunta de Galicia destina máis de 10 millóns de fondos propios, é dicir, o 73% restante".

Os populares aseguran estar "acostumados á capacidade inventiva dos socialistas, despois de destapar a trola dos 25 millóns de euros do Pontevedra Flúe".