O PP esixe o cumprimento da prohibición de consumir alcol na vía pública

Pontevedra
05 de decembro 2024

O PP pide a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade e di que "os negocios están a sufrir furtos continuamente pola sensación de impunidade que senten algunhas persoas conflitivas"

Persoa consumindo alcohol na rúa Augusto García Sánchez
Persoa consumindo alcohol na rúa Augusto García Sánchez / PontevedraViva

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, esixiu ao goberno local o cumprimento da prohibición de consumir alcol na vía pública e aumentar a vixilancia policial, "especialmente con patrullas de axentes municipais a pé", para mellorar a seguridade cidadá no centro urbano.

Pepa Pardo destacou o aumento do 9,6% da taxa de criminalidade no primeiro semestre do 2024.

Segundo a edil do PP a situación en Pontevedra "continúa deteriorándose polo auxe dalgunhas persoas sen teito" que, "ademais de beber na rúa, son conflitivas e teñen comportamentos incívicos" que, segundo Pepa Pardo "denigran a imaxe da cidade".

O xefe da oposición, Rafa Domínguez, e os concelleiros populares reuníronse varias veces cos veciños e comerciantes das zonas máis afectadas, que "seguiron padecendo indefensión" debido a que o Concello de Pontevedra "non aplicou ningunha medida".

Asegura Pepa Pardo que "os negocios están a sufrir furtos continuamente" debido á "sensación de impunidade que senten estas persoas que perturban a xornada laboral dos comerciantes, que non poden estar tranquilos no exercicio da súa actividade, mentres o alcalde permanece pasivo en Michelena", recriminou a concelleira do PP.

Os populares pontevedreses reclamaron de novo a "convocatoria urxente" dunha Xunta Local de Seguridade "para que se adopten, dunha vez por todas, as medidas que solicitamos a oposición desde hai moito tempo".

Entre elas, insisten en que o Concello debe reforzar o persoal da Policía Local.