O PP faise eco dos problemas co firme e a falta de iluminación na Illa das Esculturas

Pontevedra
20 de novembro 2024

Os populares recollen a preocupación dos deportistas que realizan actividade física nesta contorna natural co risco de sufrir unha caída

Entorno da pasarela na Illa das Esculturas
Entorno da pasarela na Illa das Esculturas / Mónica Patxot

O Partido Popular de Pontevedra denuncia problemas de iluminación e de pavimentado que dificultan o paso de transeúntes polas zonas peonís da contorna da Illa das Esculturas.

O concelleiro popular Guille Juncal asegura que hai un "profundo malestar" entre atletas e afeccionados que realizan exercicio físico nesta paraxe natural a beiras do Lérez.

Apunta que, salvo en momentos puntuais pola celebración de competicións deportivas, esta contorna atópase nunhas "condicións lamentables de conservación".

O PP instará o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, a que actúen en toda a contorna da Illa do Covo, "o máis axiña posible".

Sinalan especialmente o estado do firme nos accesos da pasarela peonil que conecta este espazo verde coa avenida de Buenos Aires.

"Co horario de inverno, é case imposible adestrar a partir das 18:00 horas pola falta de luz e porque moitos farois están apagadas ou fundidos, o que supón un perigo para a integridade física dos deportistas", explicou Juncal.

Afirma que o goberno local ten que "porse as pilas co deporte amateur".