O PP da Moraña vén de elixir ao alcalde, Sito Gómez, como novo presidente da agrupación local por aclamación no 5º Congreso Local, celebrado este sábado no multiusos de Santa Lucía.
Dende o Partido Popular sinalan que este acto "tamén confirmou que a militancia respalda de xeito unánime a súa xestión municipal ao fronte do Concello" tras liderar o goberno local desde hai case dous anos.
Gómez presentou unha xunta local que contará cos concelleiros Andrea Domínguez de secretaria xeral, María José García de secretaria de Organización, Alberto Caldas de secretario de Política Municipal e Adrián Fernández-Albor como secretario de Acción Electoral.
Ao congreso, que reuniu a máis de 250 persoas, acudiu o presidente provincial do PP, Luis López; a secretaria xeral provincial e tenente de alcalde de Moraña, Luisa Piñeiro; os conselleiros María Martínez Allegue e Román Rodríguez; e numerosos alcaldes e voceiros do PP da bisbarra do Umia e doutros concellos limítrofes.
O xa novo presidente substitúe deste modo ao fronte do partido ao ex rexedor José Cela, ovacionado polos asistentes durante a súa intervención e que recibíu un importante recoñecemento á súa figura, e tamén debullou as súas liñas mestras para o futuro do proxecto do PP e tamén do Concello da Moraña "co obxectivo claro de revalidar a maioría absoluta nas eleccións municipais de 2027".
Gómez asegurou que o PP local "vai seguir asentándose no pasado, na súa rica historia e na súa importante tradición, xa que permitiron que Moraña vivise os 14 anos da maior transformación e modernización da súa historia".
Pero tamén engadiu que a formación "vaise seguir renovando e adaptando ás necesidades e cambios sociais co propósito de fortalecerse aínda máis tras unha vitoria electoral de 2023, modernizándose e ampliando a súa base social".
Outro dos seus obxectivos, este xa no plano institucional, pasa por seguir acadando máis investimentos para Moraña no que resta de mandato para mellorar as infraestruturas, os servizos públicos e a calidade de vida dos veciños, con especial incidencia na mellora do casco urbano e do rural, os servizos sociais e a conciliación, o deporte, o sector económico e o emprego, as infraestruturas e a vida sociocultural.

Pola súa banda, a conselleira María Martínez Allegue destacou os investimentos en materia de estradas, beirarrúas e seguridade viaria, así como en vivenda, cunha decena de axudas para mozos no último ano, por parte da Xunta e anunciou o investimento de preto dun millón de euros máis para a mellora do firme na estrada autonómica PO-226.
Finalmente, o presidente provincial, Luis López, destacou as figuras de Luisa Piñeiro e José Cela e louvou a "exemplariedade" da transición e do proceso congresual realizado en Moraña, ao tempo que valorou moi positivamente a unidade, e fortaleza do partido con Sito Gómez e o seu equipo.
O tamén presidente da Deputación destacou ao alcalde como "unha persoa de consensos" pola súa forma de ser e polo xeito cercano de atender aos veciños, polo que considera que tamén é "a persoa idónea para pilotar o partido no futuro".
Ao respecto, calificou a Gómez e ao seu equipo de "exemplo" tras afrontar cun gran éxito as eleccións de 2023 por renovar a maioría absoluta "malia ter que facelo en circunstancias difíciles" e, posteriormente, xa desde o goberno "asumindo con valentía e con eficacia a parte máis complexa, que non é gañar as eleccións, senón atender á xente como se merece, o que serve para demostrar por enésima vez que a mellor xestión municipal é a dos executivos do PP".
Luis López rematou garantindo o compromiso de que a Deputación de Pontevedra acometerá a demandada mellora integral da estrada Mane-Rebón.