Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP, volveu a esixir ao Goberno que "poña en marcha dunha vez" o tramo que está pendente do paseo peonil entre Pontevedra e Marín.
O líder popular endureceu as súas críticas e lamentou que a segunda fase deste itinerario sexa "desdeñado" polo PSOE coa "complicidade absoluta" do BNG.
Lembrou que, o pasado mes de maio, o Ministerio para a Transición Ecolóxica se retractou da súa decisión de non completar este paseo e informou que se estaban estudando dúas alternativas, abrindo a posibilidade de elevar e desprazar a autovía de Marín cara a Ence.
Desde ese momento, "non houbo ningunha novidade sobre a continuidade do proxecto", denunciou o portavoz do PP pontevedrés.
"O BNG e o PSOE seguen tapándose as súas vergoñas porque son cómplices e socios de meter este proxecto nun caixón", sostivo Rafa Domínguez.
Domínguez advertiu que manterá a súa batalla política para que os pontevedreses que pasean a diario pola avenida de Marín poidan completar o percorrido que as administracións comprometeu durante os últimos vinte anos.
Para el, é "prioritario" investir na fachada marítima da cidade do Lérez dentro do proceso de humanización da contorna, onde a Xunta de Galicia, segundo apuntou, impulsa en paralelo unha senda peonil e ciclista de 3,51 quilómetros entre Mollavao e Os Praceres.