O grupo municipal do Partido Popular compareceu este venres ante os medios de comunicación, acompañado de representantes da asociación de técnicos sanitarios, para explicar a moción que presentaron para tentar evitar a instalación de lombos na futura Rolda Leste.
O proxecto deste viario, que unirá O Marco con San Mauro, atópase actualmente en fase de licitación, polo que Jacobo Moreira entende que "estamos a tiempo" de reformalo para evitar a instalación dos pasos elevados e facilitar o tránsito de vehículos médicos cara ao hospital de Montecelo.
"Vamos a proponer que al menos este vial, que no va a ser urbano, dado que va a ser un vial principal de acceso al hospital de Montecelo que se deje libre de lombos para facilitar los tiempos de respuesta de los vehículos de emergencia", explicou o portavoz popular.
Segundo Moreira pola futura Rolda Este circularán no futuro o 70% dos traslados sanitarios, xa sexa por hospitalización ou a nivel ambulatorio e "en muchos casos estos lombos de forma indiscrimidada provocan agravamientos de patología", denunciou.
Pola súa banda José Iglesias, da Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias (Asgate), pediu que "impere o sentido común" neste asunto e reiterou que "o que estamos pedindo é que antes de facer esta obra se teña en conta" para tentar que "non repercuta nos pacientes sanitarios".
A construción da Rolda Este conta cun orzamento de 2.066.014 euros (3,4 millóns incluídas as expropiacións) e, segundo explicou no seu momento a Deputación, a intención é poder iniciar os traballos no mes de marzo coa idea de que poida ser unha realidade a finais de 2018.