O PP, contra o diñeiro "tirado" polo Concello, 12.000 euros por desmontar o skatepark de Raíña Vitoria

Pontevedra
19 de decembro 2024

Rafa Domínguez reprocha que o goberno local gaste 12.208,90 euros con motivo da San Silvestre e pide que este parque "o poñan noutro sitio e así non tiran o diñeiro de todos"

Rafa Domínguez, no skatepark de Raíña Vitoria
Rafa Domínguez, no skatepark de Raíña Vitoria / PP de Pontevedra

Cada vez que se desmonta e volve montar o skatepark da avenida Raíña Vitoria, o Concello gasta 12.208,90 euros.

Así o denunciou este xoves o portavoz municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, que reprocha o gasto ao goberno local.

Domínguez saca á luz este dato porque dentro duns días haberá que proceder de novo ao desmonte con motivo da XLI Carreira Popular de San Silvestre, que este ano parte de Raíña Vitoria.

O líder do PP insiste en defender a celebración da San Silvestre, cita que cada 31 de decembro reúne a miles de persoas, pero en criticar a presenza deste skatepark nesta rúa da cidade na que é necesario desmontalo cada verán polas festas da Peregrina e agora tamén en Nadal para esta carreira.

Así, critica que cada vez que hai que desmontar os elementos deste parque é preciso asinar un contrato menor para o servizo de desmonte e posterior recolocación, "malgastando o diñeiro de todos os pontevedreses nun skatepark facilmente substituíble".

Rafa Domínguez insiste en que debería instalarse noutra localización "máis idónea" na que non implique "un gasto periódico". Pide "que o poñan noutro sitio e así non tiran o diñeiro de todos".

Na súa opinión é un "escándalo con diñeiro público" e "un escándalo no que se está tirando o diñeiro dos pontevedres".

O skatepark custou en 2022 un total de 80.000 euros, pero Domínguez insiste que ese custo foi crecendo co paso dos anos ao contratar o servizo de desmonte e recolocación das pezas de cantaría.

O líder da oposición, ademais, lembra que "o Partido Popular estivo, está e estará sempre en contra do peche de Raíña Vitoria".