O PP de Cuntis critica o "brutal incremento fiscal" proposto polo Concello

Umia
19 de outubro 2024

Asegura a portavoz popular, Isabel Couselo, que a medida supón un incremento do 66% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) de urbana e que se "lle roube aos veciños"

Nova porta de entrada á casa consistorial de Cuntis
Nova porta de entrada á casa consistorial de Cuntis / Concello de Cuntis

A actualización de impostos municipais proposta polo Concello de Cuntis e xustificada na necesidade de "garantir servizos de calidade", non caeu ben na oposición municipal.

A portavoz da agrupación local do Partido Popular, Isabel Couselo, criticou o que entende como un "brutal incremento fiscal".

Couselo defende o seu rexeitamento á medida para evitar que se "lle roube aos veciños" cunha subida do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que asegura é do 66% na urbana.

A representante do PP afirma que o goberno local recorre á actualización nas taxas dos impostos para "arranxar a súa desfeita económica", en lugar de optar por reducir os gastos do Concello.

"Desde o PP imos tentar impedirle ao goberno do PSOE sacar adiante no pleno por todos os medios esta suba fiscal brutal e inxusta", avanzou Isabel Couselo.