Para o grupo municipal do PP, que o novo pavillón deportivo que o Concello de Pontevedra impulsa en Monte Porreiro se limite á disciplina do tenis de mesa "é un erro".
Así o asegurou o edil Guille Juncal, que reclamou que se redacte un plan de usos para que este recinto poida albergar adestramentos e competicións doutros deportes.
"Hai moitos clubs que levan anos adestrando nunhas condicións precarias e que tamén necesitan unhas instalacións dignas", sostén Juncal.
Aínda que os populares consideran "positivo" que se liciten novas instalacións deportivas municipais, insisten na necesidade de poder compatibilizar o tenis de mesa con outras disciplinas deportivas "para sacar o maior rendemento posible" a esta instalación.
Entenden que este pavillón poida ter un "uso prioritario" para o tenis de mesa, pero reiteran que é "imprescindible" que outras disciplinas compartan este equipamento.
Pontevedra, subliñou Guille Juncal, "ten moitas carencias" no deporte de base e existen moitos clubs "esperando por unhas instalacións dignas".
Por iso é polo que á hora de contar cun novo pavillón "de primerísimo nivel", consideren necesario garantir que o novo recinto deportivo "responda á demanda real dos deportistas pontevedreses".