O PP lamenta o "castigo" a Cuntis por parte do Ministerio de Transportes coa mellora da N-640

Umia
28 de xaneiro 2025

A voceira municipal, Isabel Couselo, asegura que non se entende que o Goberno de España vaia investir 3 millóns de euros nesta mesma estrada en Caldas e só adicar 48.000 euros a Cuntis

Concelleiros do PP de Cuntis
Concelleiros do PP de Cuntis / PP de Cuntis

O grupo municipal do PP de Cuntis lamenta "a discriminación e o castigo" ao que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible somete ao Concello de Cuntis polo estado da estrada nacional N-640 ao seu paso polas parroquias de Troáns, Arcos e Portela e polo casco urbano.

A voceira municipal, Isabel Couselo, asegura que non se entende o "abandono" que o Ministerio de Transportes ten cunha vía da súa titularidade e que se atopa "nun estado terceiromundista".

A todo iso suma a "discriminación" que supón que se vaian a investir 3 millóns de euros nesta estrada ao seu paso polo veciño municipio de Caldas de Reis e só se adicaran 48.000 euros a Cuntis.

Por este motivo solícitalle ao alcalde, Manuel Campos, que esixa a súa reparación urxente.

Couselo lembrou que os populares levan moito tempo a reclamar a renovación de todo o firme nos preto de 15 quilómetros que percorrern o municipio e outras medidas de seguridade nesta vía vertebradora do concello.

A concelleira popular sostén que estamos ante unha "imprescindible demanda" que, ao seu xuízo, "posiblemente sexa neste momento a maior necesidade que ten Cuntis".

Subliña que o estado desta estrada "é moi perigoso e máis propio do século XIX que do ano 2025".

Neste senso, detallou que hai importantes problemas circulatorios e un gran aumento da sinistralidade, "posto que a plataforma presenta fendas e fochancas de grandes dimensións, así como importantes carencias de sinalización, visibilidade e seguridade", sostén.

Isabel Couselo recordou que o "pésimo estado" desta calzada cuntiense foi advertido e criticado polo Servizo Municipal de Emerxencias.

Finalmente, anunciou que o PP de Cuntis vai seguir "presionando" e solicitando a execución dunha mellora e modernización integral da N-640 e incluso sinalou que pretende "seguir escalando nas iniciativas políticas e sociais ao respecto desta xusta demanda para que a obra se acometa canto antes".