O portavoz do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez mostrou o seu rexeitamento ante a taxa de recollida de residuos "impuesta por el Gobierno de Pedro Sánchez" coa que o Concello quere "sangrar" aos pontevedreses.
Nunha rolda de prensa celebrada este luns, Rafa Domínguez advertiu o impacto negativo e os problemas que xerará a aplicación da Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
Esta lei "obliga" a impor un tributo específico a fogares, negocios, persoas, etc. que terá que cubrir o que costa integramente recoller, transportar, separar e tratar os residuos. O custo da taxa non pode ser menor do que custa o servizo polo que se abona.
Esta "lei de Sánchez", segundo explicou Rafa Domínguez, recolle a testemuña dunha directiva europea que propón gravar máis a aqueles que máis contaminan.
Con todo, a directiva europea non establece o réxime de aplicación, polo que cada Estado membro decide como se articula, deixando en mans das administracións locais calcular o consumo de residuos por fogar e os niveis de reciclaxe.
Rafa Domínguez advirte que o Goberno de España nun "ataque a la autonomía municipal y un asalto al bolsillo de los ciudadanos" vai "obligar" ás entidades locais, aos concellos, a subir a taxa do lixo e que esta lei pode xerar unha reacción negativa na cidadanía, que pode xerar un desincentivo na separación de residuos nos fogares. Ademais da "enorme inseguridad jurídica" e o "caos tributario" que pode provocar.
Así algúns municipios cobrarán a taxa en función dos metros cadrados que ten a vivenda ou negocio, e do valor da mesmo.
No caso de Pontevedra, segundo indicou o portavoz popular, o goberno local do BNG levará á comisión informativa este martes unha proposta na que propón un pago trimestral por xeración de lixo "en función dos ingresos".
Segundo desvelou o PP, o borrador da adaptación da ordenanza económica de residuos suxire unha "autoliquidación paralela á liquidación de ingresos e IVE que teñan que facer de maneira periódica".
"Es inadmisible" dixo Rafa Domínguez sobre esta proposta que define como un "sablazo", o mesmo termo que uso o alcalde para referirse á subida do canon de Sogama. "Es unha idea absurda" afirma o portavoz do PP que alerta que o Concello de Pontevedra "quiere sangrar a la hostalaría y a los pequeños negocios".
Rafa Domínguez propón "esperar y ser cautos" antes de aplicar esta taxa e suxire que se adopte unha postura "homogénea" en todas as cidades polo que entende que debería ser a Federación Española de Municipios e Provincias e a Federación Galega de Municipios e Provincias as que lideren a negociación.
Domínguez anunciou que convocará reunións co sector da hostalaría e o comercio para falar desta taxa e as súas repercusións.