Tras descartar a construción do novo colexio de Valdecorvos, o Partido Popular está decidido a potenciar o CEIP Príncipe Felipe -un centro con numerosas vacantes- para mellorar a escolarización na zona leste da cidade. Os populares entenden que con esta solución se poñería "punto e final" á falta de prazas nos colexios da zona, segundo a concelleira María José Rodríguez Teso.
O PP asegura que cos colexios Vilaverde, Príncipe Felipe e Monte Porreiro esta zona da cidade estaría "ben cuberta". Completaríase así, sinalou Rodríguez Teso, un traballo que se iniciou coa adscrición do Crespo Rivas ao CEIP Campolongo e do CEP Marcos da Portela ao IES Luis Seoane. Con estes cambios, cren que a rezonificación escolar xa non é necesaria porque a iso se suma que "baixou moito a natalidade".
Pola súa banda, Aurora Cañizares, directora do Álvarez Limeses e número 2 da lista de Jacobo Moreira para as eleccións municipais, adiantou as liñas do programa electoral dos populares en materia de educación. "Aínda que as nosas competencias como Concello nesta disciplina son limitadas, sempre podemos melloralas con traballo e esforzo", explicou.
Entre elas, propoñen realizar un estudo que permita coñecer o estado actual da limpeza dos centros educativos de infantil e primaria e das funcións dos conserxes ou persoas de colaboración nos centros. Ademais, apostan por traballar conxuntamente coas ANPAS na difusión e subvención de actividades, por elaborar un programa transversal de actividades entre as diferentes concellarías ou promover unha maior interacción entre centros de diferentes niveis educativos e con diferentes disciplinas.
ESTADO DAS OBRAS DO FROEBEL
Na rolda de prensa, María José Rodríguez Teso acusou o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, de "enganar" á comunidade educativa, porque recordan que prometeu trasladar o Arquivo Municipal, situado nos baixos do colexio, e aínda segue non mesmo lugar". Ademais, asegurou que o estado no que se encontra o centro é debido polo "desleixo" do Concello e a Xunta do bipartito "que non investiron nin un euro en tempos de bonanza".
Fronte a isto, dixo, a Xunta de Galicia actual investirá 1,8 millóns de euros na reforma do colexio, dos cales gastaron xa 870.000 euros nas dúas primeiras fases, coas que se resolveron os problemas de humidade e mellorouse a súa accesibilidade. O último tramo de obras, sinalou, é o máis "complicado" porque se estendería seis meses e débese estudar a forma de causar o menor prexuízo posible aos membros da comunidade educativa.