Potenciar a Atención Primaria, reto exposto na primeira visita a Montecelo do novo conselleiro de Sanidade

Pontevedra
16 de maio 2024

Antonio Gómez Caamaño visitaba este xoves 16 por primeira vez o Hospital Montecelo e mantiña un breve encontro coa xerencia, encabezada por José Flores, e con xefes de servizo e representantes sindicais. Trasladou as bases da súa estratexia que se centrará en optimizar os recursos do sistema sanitario para adaptalo a unha poboación dispersa, envellecida e pluripatolóxica

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño / Mónica Patxot

Antonio Gómez Caamaño, novo conselleiro de Sanidade, pisaba por primeira vez o Hospital Montecelo este xoves 16. 

Mantiña un breve encontro no salón de actos do centro hospitalario con xefes de servizo, profesionais e representantes sindicais, ademais de integrantes da xerencia da área sanitaria, co xerente José Flores á fronte. Tamén asistía Alfredo Silva, novo director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

O conselleiro iniciaba a súa intervención lembrando que o sistema sanitario de Galicia é de primeiro nivel e un modelo, en numerosos aspectos, para outros sistemas. Por iso fixo un chamamento aos profesionais para sentir que esta pertenza sexa un "motivo de orgullo"

O titular de Sanidade lembrou que procede da dirección clínica pero, matizou, "era dos xefes que vía pacientes" e, por este motivo, animou a que se estableza un diálogo permanente para coñecer "os problemas reais de pacientes e traballadores" a través dun debate para optimizar os recursos e mellorar a calidade de atención sanitaria.

Gómez Caamaño recoñeceu que é necesario adaptar o sistema á realidade xeográfica e social marcada por unha poboación en Galicia "envellecida, dispersa e pluripatolóxica" que, segundo manifestou, "vai requirir uns coidados especiais". 

Como un dos seus principais retos apuntou o de "prestixiar a Atención Primaria e a figura do médico de familia. Tamén indicou que é necesario "potenciar a enfermería". Admitiu que a súa intención é que a "calidade asistencial non sexa un vocablo, que sexa unha realidade".

"Queremos un sistema sanitario público que sexa cariñoso cos seus pacientes e tamén cos seus traballadores. Non queremos que a xente traballe máis, queremos que a xente traballe mellor", engadiu o conselleiro durante a súa intervención. 

ATENCIÓN PRIMARIA

A preguntas dos medios de comunicación, Antonio Gómez Caamaño afirmou que o principal problema actual do sistema atópase na Atención Primaria. 

"Magnifícase por un problema de dispersión xeográfica e todo o mundo quere ao seu médico preto de casa", expuxo para engadir que "non hai profesionais sanitarios aínda que os busques".

Por este motivo, explicou que as solucións pasan por "remodelar e reorientar os recursos para que todos teñan unha asistencia de calidade".

A súa intención é eliminar a burocracia no traballo dos profesionais médicos e centrar a atención nos pacientes.

"Temos moitos retos por diante, innovación tecnolóxica, farmacolóxica, medicina de precisión ou Intelixencia Artificial adaptándoos de maneira racional ao sistema", avanzou sobre a liña para seguir pola consellería.

OBRAS DO GRAN MONTECELO

Sobre as obras do Hospital Gran Montecelo, o novo conselleiro de Sanidade admitiu que non quere falar de prazos.

Recoñeceu que inflúen moitas variantes para os prazos de entrega da obra.

Antonio Gómez Caamaño, en todo caso, adiantou que proximamente virá co equipo da consellería de Infraestrutruas para ver "todo o bonito e bo que debe haber aí".