O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar o proceso de limpeza e conservación de varias estacións rupestres do municipio co fin de que estean en perfectas condicións para poder ser visitadas durante as vacacións do Nadal. Ademais lembra que están habilitadas 11 roteiros saudables que servirán de atractivo turístico e de lecer para os veciños e visitantes.
Unha empresa especializada foi a encargada de realizar os traballos de limpeza e acondicionamento do entorno dos principais petróglifos de Fentáns, San Xurxo e Santa María de Sacos con especial incidencia na conservación das estacións arqueolóxicas da Laxe dos Cebros, Pedra das Ferraduras, Laxe das Rodas e Cernadelo.
Os traballos, que estiveron supervisados por arqueólogos especializados en arte rupestre, contaron cun orzamento total de 24.285 euros e permitiron actuar na conservación destes elementos fundamentais do patrimonio histórico de Cerdedo-Cotobade.
As actuacións comezaron a realizarse no entorno dos petróglifos da Laxe dos Cebros e Pedras das Ferraduras, en Fentáns, e fóronse ampliando ao resto de estacións de arte rupetre de San Xurxo e Santa María de Sacos despois de que o alcalde, Jorge Cubela, lograra unha cesión das comunidades de montes respectivas por espazo de 50 anos o que posibilita que se poida levar a cabo esta intervención de conservación e acondicionamento.
Para o alcalde, Jorge Cubela, "os traballos de limpeza e posta en valor levados a cabo no entorno das estacións rupestres e dos petróglifos máis senlleiros permitirá mellorar a súa conservación e fomentar o seu coñecemento polos veciños e tamén polos visitantes".
O entorno inmediato dos gravados rupestres seleccionados para esta intervención atopábase cuberto dunha mesta capa vexetal de monte baixo que deterioraban os petroglifos de aí que se decidira por parte do Concello de Cerdedo-Cotobade a iniciar esta actuación para a protección do patrimonio cultural e histórico poñendo o mesmo en valor e protexéndoo.
ONCE ROTEIROS SAUDABLES NO MUNICIPIO
Outro dos atractivos turísticos para o lecer da veciñanza e de máximo interese para os visitantes son os 11 roteiros saudables dos que se dispón en este momento por todo o municipio como xeito de incentivar a oferta turística familiar e natural para as vacacións do Nadal. Entre as iniciativas postas en marcha desde a administración local está a edición de folletos divulgativos individualizados para todos e cada un dos trazados indicando o modo de sinalización, o percorrido e as características do sendeiro.
Esta iniciativa, xurdida hai uns meses por iniciativa dos técnicos municipais, conta coa colaboración activa da veciñanza de todos e cada un dos lugares por onde discorren os roteiros xa que foron trazados e sinalizados seguindo en moitos casos as indicacións dos residentes na zona sobre os vellos camiños e os itinerarios que facían antaño para se desprazar pola zona.
Así, o Concello de Cerdedo-Cotobade para deseñar estes Roteiros Saudable recurriu á colaboración veciñal para establecer os percorridos máis acaídos e que dan resposta a unha serie de parámetros que as fan recomendables para a práctica da actividade física como que sexan circulares, non teñan unha extensión superior aos 4 ou 6 quilómetros e se desenvolvan cunha duración media aproximada duns 45-50 minutos.