A Vía Mariana Luso Galaica, que pasa por distintos municipios da comarca de Umia ao abeiro da ruta xacobea Braga-Santiago de Compostela-Muxía, vivirá esta fin de semana un dos seus días grandes en Moraña. A modo de presentación da iniciativa, organizouse unha peregrinación por diversos puntos do concello que rematará no Santuario dos Milagres de Amil.
O percorrido partirá este domingo 11 de agosto ás 9.30 horas do Concello de Cuntis e pasará por Santa Xusta e Gargantáns para chegar, sobre as 13.30 horas, a Amil, onde se celebrará un oficio para concluír a xornada.
Esta peregrinación forma parte dun campamento peregrino arrieiro que se está a desenvolver durante dez días de agosto para promocionar este novo Camiño de Santiago.
Segundo deu a coñecer o Concello, vai contar coa participación dun cento de persoas, xa que a Asociación Vía Mariana Luso Galaica está mobilizando a unhas oitenta nestas camiñadas. A maiores, xa confirmaron a súa presenza o alcalde en funcións, José Cela; a concelleira Norma Caldas; e unha vintena de integrantes da coral morañesa Voces Amigas.
Este acto, que é aberto a toda a cidadanía, supón un paso máis para promocionar a Vía Mariana ao seu paso por Moraña despois de que nos últimos meses se acometera a colocación da correspondente e unificada sinalización informativa. Aínda restan algúns fitos por colocar.