Posta a punto para "darlle pulo" á área arqueolóxica de Tourón

Ponte Caldelas
24 de abril 2017

O Concello de Ponte Caldelas segue a apostar por manter a área arqueolóxica de Tourón nas mellores condicións, ao entender que é unha das principais ofertas turísticas da vila. Así, nos próximos días, todo este ámbito estreará un novo valado para o seu perímetro

Novo valado da área arqueolóxica de Tourón
Novo valado da área arqueolóxica de Tourón / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas segue a apostar por manter a área arqueolóxica de Tourón nas mellores condicións, ao entender que é unha das principais ofertas turísticas da vila. Así, nos próximos días, todo este ámbito estreará un novo valado para o seu perímetro.

A obra, cun orzamento total de 4.644 euros, consiste na reposición de todos os postes verticais e elementos horizontais, ao longo do perímetro. Está executada conforme á subvención para rehabilitación do patrimonio histórico, outorgada pola Deputación de Pontevedra.

A empresa contratada é unha carpintaría local de Tourón e o traballo está a resultar laborioso pois constatouse a necesidade de substituír máis de 200 postes e preto de 150 elementos horizontais, ademais de reparar varios que estaban soltos ou danados.

Nas próximas xornadas vai comezar tamén a limpeza e retirada de toda a broza existente nas 15 hectáreas do recinto arqueolóxico. É a primeira vez que esta corta de broza e vexetación invasora vai ser acometida polo Concello, para o que este ano se incluíu unha partida específica no orzamento municipal cun importe doutros 4.000 euros.

O alcalde, Andrés Díaz, subliñou que nunca se tiña investido deste xeito no espazo arqueolóxico de Tourón e volveu lamentar a "absoluta falta de colaboración" da Xunta de Galicia na conservación e promoción dun patrimonio de todos os galegos que está catalogado como Ben de Interese Cultural.

Ademais, hai algúns meses estreáronse novos paneis de sinalización que permiten contemplar as súas cinco estacións de petróglifos cunha reprodución exacta do seu deseño e achegando todos os datos necesarios para a súa correcta comprensión.

Están colocados ao pé das estacións do Outeiro de A Forcadela, o Coto das Sombriñas, a Laxe das Cruces, o Couto da Siribela e o Nabal de Martiño.

Tamén se limparon os sendeiros que comunican os diferentes puntos e fixéronse reparacións no edificio do centro de interpretación.

Arquivado en