Posta a punto na illa de Tambo para recibir as primeiras visitas

Poio
13 de agosto 2022

A edil de Turismo e tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), e o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), visitaron este xoves a illa para supervisar os traballos de posta a punto, limpeza a desbroce que se levaron a cabo para ter o emprazamento listo para as excursións

Tarefas de desbroce na illa de Tambo
Tarefas de desbroce na illa de Tambo / Concello de Poio

Todo listo na illa de Tambo para recibir aos primeros visitantes que chegarán este sábado a través das visitas guiadas.

Por ese motivo, a edil de Turismo e tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), e o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), visitaron este xoves a illa para supervisar os traballos de posta a punto, limpeza a desbroce que se levaron a cabo para ter o emprazamento listo para as excursións.

As actuacións levan realizándose con regularidade desde hai semanas para que as sendas abertas estean en perfectas condicións e garantan a seguridade, preservación e mantemento da illa.

VISITAS GUIADAS

Desde o Concello destacaron o bo ritmo nas reservas de solicitudes para as visitas á illa, que poderán facerse a través da páxina web do Concello e da de Turismo.

Ademais, recordan na necesidade de cumprir con todas as medidas establecidas para estas excursións, a fin de garantir a seguridade e a preservación e mantemento da propia illa. Só se permite o acceso a Tambo a través das dúas navieiras, con base en Combarro, que cobren o traxecto: Pelegrin e Mar de Ons.

As visitas abertas á cidadanía poderanse realizar de venres a domingo, inclusives, e festivos. Asemade, tamén é posible solicitar desprazamentos a través de colectivos e asociacións. O cupo máximo por grupo é de 50 persoas.

NORMAS A CUMPLIR

Toda persoa que visite a illa está obrigada ao cumprimento da normativa aprobada polo Concello de Poio, en especial a Ordenanza xeral de limpeza e medio ambiente, en virtude da cal se prohibe fumar, acender lume, tirar lixo ou deixar residuos, apartarse do roteiro establecido, extraer marisco, practicar pesca submarina ou deportiva, introducir animais excepto cans-guía, molestar á fauna, arrincar, cortar ou danar a vexetación, alterar a contorna ou alterar ou danar o patrimonio cultural e natural.

Arquivado en