O servizo municipal de salvamento que actúa nas praias do litoral marinense xa conta coas súas catro embarcacións pneumáticas preparadas para o seu uso, despois de pasar por diversas reparacións nos últimos meses.
Este venres, o centro de formación A Aixola facía entrega ao Concello de Marín das dúas últimas embarcacións que pasaron polo taller do centro para a súa revisión e posta a punto. No mes de marzo, xa foran entregadas outras dúas. As catro foron reparadas polos alumnos dos cursos de pneumáticas que se imparten neste ano académico na escola dependente da Consellería do Mar.
A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, estivo presente durante a recepción das embarcacións por parte da concelleira de Turismo de Marín, Cristina Acuña, nas instalacións do centro formativo situado no porto pesqueiro marinense.
O traballo dos alumnos nas lanchas pneumáticas consistiu en labores de encolado do flotador de popa, a reparación da proa, o pegado de balóns e da asa e o seu pintado.
Ademais, no curso de laminado manual en poliéster, os alumnos procederon á reparación da táboa de surf do servizo municipal de salvamento marítimo, co arranxo dun golpe á altura do temón e o seu pintado e lixado.