Portos de Galicia e o Concello de Vilanova de Arousa veñen de acordar a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio.
Así quedou de manifesto na reunión celebrada este mércores entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde vilanovés, Gonzalo Durán na sede do organismo portuario.
No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Vilanova de Arousa dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria.
A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados na recente reunión entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela.
En concreto, no caso do porto de Vilanova os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello abranguen todas as zonas axardinadas e parques que se sitúan na contorna do paseo marítimo.
Esta proposta da cumprimento á solicitude da administración local a Portos de Galicia.
Durante a reunión deste mércores, o presidente de Portos de Galicia trasladou ao al alcalde de Vilanova de Arousa o próximo inicio das obras de renovación de luminarias portuarias e substitución por tecnoloxía LED con control telemático no peirao vilanovés. O investimento ascende a máis de 300.000 euros.