Portos tramitará "con celeridade" a dragaxe do Lérez e a oposición pide "non dar paus de cego"

Pontevedra
08 de outubro 2020

O goberno galego amosou este xoves a súa "firme vontade política" para tramitar a dragaxe do río Lérez en Pontevedra "coa máxima celeridade posible", pero respectado todas as garantías ambientais. Así o sinalou no Parlamento a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas

Toma de posesión da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas
Toma de posesión da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas / Xunta de Galicia

O goberno galego amosou este xoves a súa "firme vontade política" para tramitar a dragaxe do río Lérez en Pontevedra "coa máxima celeridade posible", pero respectado todas as garantías ambientais. Así o sinalou no Parlamento a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.

Foi en resposta a unha pregunta oral presentada pola deputada socialista Paloma Castro ante a comisión de ordenación territorial, obras públicas e medio ambiente.

Os socialistas esixiron que a Xunta "deixe de dar paus de cego e se poña a traballar" na tramitación desta dragaxe "tras máis de dez anos mareando a perdiz" e non seguir "buscando escusas" para non continuar adiante con esta actuación.

Paloma Castro acusou o goberno autonómico de "abandonar" o río Lérez, permitindo que durante anos fora "maltratado" con verteduras industriais "descontroladas" e con agresións ambientais que se cometeron "con total impunidade".

De aí que a deputada reclamara á Xunta que salde esta "débeda histórica" con Pontevedra e ao longo de 2021 poida presentar o proxecto de dragaxe que, nestes momentos, está pendente de que se decida a fórmula para tratar os lodos que se extraian do fondo do río.

A presidenta de Portos de Galicia explicou que a Consellería do Mar xa ten comprometidas as partidas orzamentarias necesarias para continuar coa tramitación da dragaxe do Lérez, pero engadiu que se trata dun procedemento longo pola complexidade técnica, ambiental e administrativa da actuación e o alto número de entidades que interveñen nela. 

Polo que respecta ao estado actual da tramitación, informou de que en decembro de 2019 licitouse a execución dunha nova batimetría e analíticas de áridos para actualizar os datos recompilados anteriormente, unha vez decidido o cambio do punto de depósito do material dragado para desbloquear a tramitación e buscar o consenso co sector. 

Esta licitación viuse afectada, segundo subliñou, polo estado de alarma debido á crise sanitaria polo que o contrato para estes traballos quedou asinado finalmente o pasado mes de xuño e Portos de Galicia recibirá os resultados nun prazo estimado dun mes.

"Estes documentos son básicos pero preliminares para continuar coa redacción dos demais estudos ambientais que é necesario actualizar para iniciar de novo a tramitación ambiental que esixe esta obra", defendeu Lenguas. 

O proxecto de dragaxe do Lérez prevé actuar sobre unha superficie de 300.000 metros cadrados nunha lonxitude de case catro quilómetros, que serán dragados ás cotas -1 e -7. Isto suporá a retirada de entre 350.000 e 400.000 metros cúbicos de materiais, tanto áridos grosos como finos, e un investimento público de 4,5 millóns de euros.