A Asociación de Veciños de Campelo expresou o seu desgusto pola decisión de Portos de Galicia de non permitirlles embarcar no seu peirao para ir de excursión.
Para a tarde do domingo 30 de xullo, esta Asociación ten prevista unha visita guiada á illa de Tambo con todos os residentes nesta parroquia para coñecer este enclave natural no medio da ría.
Con esta actividade a asociación pretende tamén celebrar unha xornada de convivencia veciñal, retomando aquelas "xuntanzas" anuais en Tambo que se organizaban antes do parón da pandemia do Covid-19.
Segundo explican desde a asociación, para facer esta excursión, na que participan exclusivamente os veciños desta parroquia, "sempre se colleu o barco desde o porto de Campelo", contando para iso coa colaboración da empresa contratada.
Por este motivo os responsables da Asociación tramitaron unha solicitude para que se permita á navieira a recollida dos pasaxeiros neste peirao para ir ata Tambo e o regreso do barco ao mesmo punto ao finalizar a excursión, "exclusivamente ese día e para ese fin".
O motivo é que, sendo a excursión o día 30 de xullo e teniedo esta empresa a súa atracada en Combarro, "sería un gran trastorno para os veciños o desplazamento a Combarro tanto pola afluencia de turistas como pola imposibilidade de moita xente do pobo de desprazarse ao non ter os medio adecuados".
Ademais engaden que "sería inviable pola cantidade de turismo que sofre Combarro todo o verán e a imposibilidade de atopar aparcamento", insisten.
Con todo, para a súa sorpresa, Portos de Galicia rexeita esta solicitude e non a admite a trámite argumentando que é a empresa operadora a que debe pedir este permiso ocasional de embarque e desembarque de pasaxeiros aínda que advirte de que o peirao de Campelo non se atopa entre as instalacións nas que se permita presentar esta solicitude.
Os veciños recorreron esta decisión ao entender que "Campelo é un porto habitualmente empregado por barcos pesqueiros no que os pescadores soben e baixan ás súas mercadorías" polo que consideran que "se o porto de Campelo está habilitado para o seu uso polos mariñeiros en pleno inverno e con climatoloxía adversa, debería poder ser usado por esa mesma xente un día puntual no que o clima é favorable para poder facer uso das instalacións cos seus veciños e familiares á excursión da Illa de Tambo tan esperada por toda a veciñanza".