O porto de Combarro (Poio) vivirá ao longo dos meses de maio ou xuño un proceso de limpeza co fin de retirar os residuos depositados no fondo mariño para matener o ámbito limpo e eliminar todo tipo de obxectos que poidan resultar un obstáculo para a navegación.
Esta actuación enmárcase na segunda fase do programa de limpeza de dársenas de terceira e cuarta lista de titularidade autonómica, que este ano permitirá actuar en cinco portos galegos. Deles, dous son pontevedreses, o de Combarro e o de Arcade (Soutomaior), segundo informou o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.
O presidente de Portos de Galicia explicou que a limpeza consistirá nunha recollida selectiva de obxectos do fondo mariño que "non é unha dragaxe", senón que suporá que un equipo de mergulladores descenda ao fondo e recolla residuos como obxectos vinculados a actividades profesionais (por exemplo, caixas de peixe usadas) ou ferramentas e aparellos de pesca.
Na primeira fase deste plan de actuación retiráronse 30 toneladas de residuos de portos galegos, fundamentalmente en obxectos de plástico de pequeno tamaño, pero tamén outros residuos anecdóticos como a motocicleta que se extraeu do porto do Corgo, no Grove.
A limpeza realízase en dúas fases. Nun primeiro momento, os mergulladores realizan un recoñecemento das dársenas para marcar e balizar os obxectos a retirar e, xa na segunda parte da actuación, recóllense e deposítanse en colectores de recollida selectiva. Todo con dous obxectivos: manter o fondo das dársenas limpo e eliminar obxectos e elementos que poidan supoñer un obstáculo á navegación.
As actuacións desenvolveranse sempre en sábado para interferir o mínimo posible na actividade laboral do porto e supoñerá unhas catro ou cinco horas de traballo, segundo explicou o responsable do centro de mergullo Palmira Scuba de Ribeira que realizará todos estes traballos, José Manuel Fernández.
Este último explicou que en Combarro, ao igual que no resto dos portos, traballarán un equipo de cinco a seis mergulladores e contarán con dúas persoas de apoio e unha embarcación adicional.
O proxecto de dragado do Lérez vai "a bo ritmo" e está a cumprir os prazos
O presidente de Portos de Galicia referiuse este venres, durante a súa comparecencia pública, ao proxecto para o dragado do río Lérez e explicou que vai "a bo ritmo" e "está cumprindo os prazos" que se establecera, aínda a pesar de que se trata dunha actuación que ten "certa complexidade".
Segundo explicou, o proxecto require dous informes previos. Un deles, relativo á dinámica litoral, xa está pechado e está pendente o estudo de impacto ambiental. Unha vez que estean ambos os dous rematados, expoñeranse ao público e iniciarase a fase de informes sectoriais.